Afundación celebra en Vigo un encontro interxeracional dentro do seu programa «Fálame da emigración»

Este proxecto, organizado pola Obra Social de ABANCA, propicia a celebración de encontros entre maiores e adolescentes para compartir as súas experiencias na emigración
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Galicia,Vigo

Afundación celebra en Vigo un encontro interxeracional dentro do seu programa «Fálame da emigración»

Afundación, a Obra Social de ABANCA, dá inicio á V edición do seu programa «Fálame da emigración» no que maiores voluntarios e alumnas e alumnos de centros escolares de toda Galicia dialogarán sobre vivencias na emigración. A iniciativa enmárcase na liña estratéxica «O valor da experiencia», da Área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade.

Mañá mércores 19 de febreiro, ás 15.00 h, celebrarase un encontro no Colegio Los Sauces de Vigo entre voluntarias e voluntarios do Espazo +60 Afundación de Vigo e un grupo de alumnos e alumnas de 4º de ESO do centro educativo.

Esta quinta edición do proxecto «Fálame da emigración» desenvolverase en centros escolares situados nas localidades onde Afundación, a Obra Social de ABANCA, ten un Espazo +60 —as sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Viveiro, Betanzos, Pontedeume e Monforte)—, coa participación de estudantes de ESO. O programa está aberto a todos aqueles institutos que queiran participar no proxecto, coa incorporación continuada de novos voluntarios e voluntarias que viviron a experiencia da emigración.

O DESENVOLVEMENTO DOS ENCONTROS

«Fálame da emigración» articúlase a través de dous encontros interxeracionais, aos que precede unha fase de preparación por parte do alumnado e dos maiores. Os primeiros, a partir dunha guía didáctica e material de apoio documental achegados por Afundación, traballan sobre o contexto social e histórico da emigración galega, mentres que os segundos constrúen o relato das súas historias de vida e preparan as sesións nos centros escolares. No primeiro encontro, que xa tivo lugar neste instituto, os maiores contan as súas experiencias na emigración e dialogan cos estudantes. No segundo encontro, tras investigar sobre a historia das súas propias familias, os mozos relatarán tamén as súas relacións coa emigración e xuntos reflexionarán sobre as diferentes motivacións para emigrar, as dificultades e os aspectos positivos ou as diferenzas coa inmigración en Galicia. Recollerán documentación e fotografías e achegarán as súas propias historias de vida para ampliar os testemuños e que estes relatos se transmitan entre xeracións para poder coñecer a nosa historia colectiva.

Co obxectivo de que o programa amplíe o seu alcance e teña un carácter colaborativo, Afundación creou a páxina web falamedaemigracion.afundacion.org, que recolle o material didáctico do proxecto, o material documental que xorde de cada encontro (fotografías, vídeos, testemuños…), e o que achegarán os alumnos e alumnas dos centros escolares participantes sobre as historias da emigración dos seus familiares.