Afundación e o Centro Dramático Galego presentan Neorretranca e posmorriña en Vigo

A nova proposta do CDG poderase ver o vindeiro venres 5 de xullo a partir das 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

Afundación e o Centro Dramático Galego presentan Neorretranca e posmorriña en Vigo

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta dentro da súa programación da Área de Cultura a produción teatral Neorretranca e posmorriña, a nova proposta do Centro Dramático Galego. Esta reflexión sobre a identidade galega dirixida por Gena Baamonde, e á que lle dan vida dez actrices, poderase ver o vindeiro venres 5 de xullo a partir das 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com.

NEORRETRANCA E POSMORRIÑA, DO CDG

Dúas pezas constrúen esta proposta, «Fantasía nª5 en sol ou non», de Esther F. Carrodeguas, e «Boisaca ou a divina desgraza», de Roi Vidal Ponte. A través delas, o público ten a posibilidade de achegarse a dúas olladas moi diferentes arredor da identidade galega, tema que fai de nexo común de ambos os dous textos.

A linguaxe corporal e o xogo escénico son os eixos arredor dos que se desenvolveu a montaxe «Fantasía nº 5 en sol ou non», definida por Gena Baamonde como unha colaxe, un «catálogo-secuencia de múltiples imaxes dunha terra por facer». A partir deste traballo de movemento grupal, o texto vai poñendo o foco en tópicos e prexuízos, que se abordan desde a ironía, o humor e a crítica irreverente.

Pola súa banda, «Boisaca ou a divina desgraza» reflicte outra visión da dramaturxia contemporánea, cun fío narrativo máis recoñecible e cargado de retranca a través de

personaxes moi caricaturizados. O propio Roi Vidal, encarnado nunha actriz veterana, é un dos personaxes da obra, na que, coa encarga de escribir un texto sobre a identidade galega como escusa, emprende unha viaxe polo máis alá na procura do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Neste camiño irase atopando con algunhas figuras emblemáticas do imaxinario galego como Isaac Díaz Pardo, Castelao ou Rosalía, ademais de contar coa axuda de Mary Shelley, a autora de Frankenstein, para intentar encaixar cada unha das pezas desa idea de Galicia.

Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde son as dez intérpretes de Neorretranca e posmorriña, conformando un elenco no que teñen cabida varias xeracións de mulleres con formacións e traxectorias artísticas moi diversas en ámbitos como o teatro, as artes do movemento ou o audiovisual.