Afundación e o Instituto Galego do Viño presentan novas edicións dos seus cursos de cultura do viño

Dirixidos a profesionais e afeccionados, impartiranse desde o mes de novembro deste ano ata maio de 2020
Publicado por o día 16/10/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

Afundación e o Instituto Galego do Viño presentan novas edicións dos seus cursos de cultura do viño

Afundación, a Obra Social de ABANCA, e o Instituto Galego do Viño convocan un novo programa de cursos de cata de viños, coordinado polo catador e director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas. A proposta ofrece tres modalidades: unha certificación de nivel básico, dirixida a amantes e afeccionados da cultura vitivinícola que busquen un primeiro achegamento ao mundo do viño, unha de nivel medio e unha terceira de nivel avanzado que supón un maior afondamento no estudo da cultura do viño.

Os cursos iniciaranse o vindeiro mes de novembro e finalizarán en maio de 2020 nas Sedes Afundación de Pontevedra, Ourense, Ferrol, Santiago, Vigo e A Coruña. As inscricións poderanse formalizar na web Ataquilla.com a partir de hoxe.

O obxectivo do programa é achegar os amantes do viño aos conceptos necesarios para a súa interpretación e goce, ademais de desenvolver as súas capacidades de cata. En palabras de Xoán Cannas, «estes certificados son a mellor maneira de que afeccionados e profesionais poidan achegarse á cultura do viño de forma sinxela, gozando e aprendendo ao mesmo tempo». No nivel I, os participantes achegaranse ao sector vitivinícola a través de dez conceptos elementais que todo amante do viño debe coñecer. Así, nunha primeira aproximación teórica estudarán as variedades de uva, os climas, os solos, as diferentes formas de cultivar e elaborar o viño, o traballo en adega, a maridaxe ou o mercado e as novas tendencias, para ampliar a súa cultura vitivinícola e desenvolver a memoria sensorial e aplicalo posteriormente ao coñecemento práctico, a través de catas, dos viños elaborados en Galicia.

No nivel II, ao que poderán acceder os afeccionados e profesionais que cursasen o nivel básico ou teñan formación previa neste campo, os participantes estudarán, xa en profundidade, as técnicas de viticultura e enoloxía, iniciaranse na xeografía vitivinícola da Península Ibérica e desenvolverán as súas habilidades de cata con viños das diferentes zonas de España e Portugal.

O último é o curso de nivel III, dirixido a afeccionados e profesionais que obtivesen a certificación de nivel II ou acrediten os seus coñecementos mediante un título equivalente ou experiencia profesional no sector. Os participantes profundarán no coñecemento da cultura do viño e desenvolverán as súas habilidades de cata a través da análise de variedades de uva internacionais, os métodos de elaboración e o inicio á xeografía vitivinícola das zonas europeas máis emblemáticas: Francia, Italia e Alemaña.

Comentar noticia

Your email address will not be published.