Afundación en casa celebra o Día Internacional da Danza con actividades culturais e formativas en torno a esta arte

Unha conferencia sobre a homenaxe á danza de Norman McLaren na súa curta Pas de deux (1968) e a obra de Gaia, articulan as propostas de Afundación en casa
Publicado por o día 28/04/2020 na sección de Eventos,Galicia

Afundación en casa celebra o Día Internacional da Danza con actividades culturais e formativas en torno a esta arte

Afundación en casa conmemora mañá, mércores 29 de abril, o Día Internacional da Danza con dous eventos culturais que homenaxean esta manifestación artística. Por unha parte, Asier Mensuro protagonizará unha conferencia sobre unha curtametraxe asinada por Norman McLaren en 1968 titulada Pas de deux, unha oda á arte da danza. Por outra, na sección de Educación en casa, estará accesible a obra Gaia, da compañía de danza contemporánea Entremáns.

Entremáns é unha compañía de danza contemporánea creada en 2006 por bailaríns cubanos residentes en Galicia. Mantén unha filosofía de traballo grupal onde a creación e dirección artística xeralmente se realizan en colectivo, o que fai que non poida definirse como unha compañía ao uso. Combinan as súas producións con labores formativos, colaboracións teatrais e asistencias coreográficas.

Os circuítos de proxección de cine non conseguen programar todas as pezas producidas, especialmente cando se trata de obras no formato da curtametraxe de animación. Por ido, o experto en cine e arte, Asier Mensuro, decidiuse a recuperar esta peza de 1968 para enxalzar o valor tanto da danza como das grandes, e esquecidas, obras de cine. Ao longo da charla facilitarase unha ligazón para a visualización da obra.

Toda esta actividade, integrada por máis de 300 recursos, é facilmente accesible nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.