Afundación, en colaboración con Feuga, pon en marcha unha nova edición do seu programa de becas para novos titulados

Trátase de becas remuneradas mediante as que os seleccionados poderán entrar en contacto por primeira vez co mundo laboral
Publicado por o día 09/09/2019 na sección de Formación

Afundación, en colaboración con Feuga, pon en marcha unha nova edición do seu programa de becas para novos titulados

Afundación, a Obra Social de ABANCA, en colaboración con Feuga, pon en marcha un novo programa de bolsas remuneradas de formación para a súa Área Educativa. A oferta consta de 7 prazas (con posibilidade de ampliar ata 9) de 12 meses de duración para formarse a través dos diferentes proxectos expositivos da Obra Social de ABANCA nas sete cidades galegas, e 1 praza para o centro interactivo de educación ambiental Naturnova.

Están dirixidas a estudantes de último curso ou recentemente graduados, menores de 31 anos, que busquen a súa primeira experiencia dentro do mundo laboral e que veñan de formarse nunha das universidades galegas.

Os seleccionados poderán coñecer durante un ano a estrutura interna da xestión cultural. Terán a oportunidade de aproximarse ao mundo da montaxe e comisariado de exposicións, así como de coñecer a artistas e especialistas destacados do sector. Poderán adquirir capacidades prácticas en atención de grupos escolares e atención ao público, á vez que desenvolven e melloran as súas capacidades comunicativas. Tamén coñecerán como se realiza a administración diaria da Área de Cultura dunha entidade como Afundación, coa xestión de calendarios ou a realización de estatísticas.

As titulacións requiridas para optar a estas prazas son os graos en Historia da arte, Belas Artes, Ciencias da Educación, Humanidades, Historia e similares, así como

Bioloxía, Ciencias ambientais e semellantes. Os interesados poden formalizar a súa solicitude no portal web de Feuga http://www.feuga.es/becas/.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, é un dos principais axentes dinamizadores da vida cultural das grandes urbes galegas coa programación, entre outras actividades, de grandes proxectos expositivos nas sete cidades galegas nas que dispón de espazos específicos para iso. Ademais, conta coa Colección de Arte Afundación, unha das mellores de arte galega que na actualidade está conformada por un fondo de 5000 obras de pintura, escultura, fotografía, gravado, debuxo e novas tecnoloxías de nomes tan destacados como Urbano Lugrís, Maruja Mallo, Castelao ou Laxeiro.