Afundación finaliza o seu primeiro plan estratéxico consolidando o liderado nos seus tres ámbitos de actuación

A Obra Social de ABANCA cerra o período 2015-2019 con máis dun millón trescentas mil persoas beneficiadas polas súas accións no último exercicio
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Cultura

Afundación finaliza o seu primeiro plan estratéxico consolidando o liderado nos seus tres ámbitos de actuación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, pechou hoxe o seu plan estratéxico 2015-2019 coa celebración dunha reunión dos seus patróns e patroas na sede da entidade en Vigo, que pon fin a este período de xestión e co que inicia unha nova etapa de consolidación do proxecto emprendido hai cinco anos. A Obra Social de ABANCA situouse neste tempo como primeira fundación galega nos seus ámbitos de actuación pola súa repercusión tanto no tecido social como cultural da comunidade, que acada actualmente ao 48 % dos concellos, con máis dun millón trescentas mil persoas beneficiarias, o que representa un crecemento do 61 %.

Durante este período, e grazas ao compromiso de ABANCA e a súa achega de preto de 50 millóns de euros como mecenas único, Afundación transformouse de xeito integral, superando as metas inicialmente fixadas no plan estratéxico 2015-2019, destinando ao cumprimento dos seus fins fundacionais 132 millóns de euros. O mecenado transformador de ABANCA foi fundamental para a súa sostibilidade, así como para o incremento da intensidade, calidade e alcance das súas actuacións.

Afundación é hoxe unha organización eficiente, autosostible e innovadora, profundamente comprometida coa igualdade de xénero, o 55,40 % do noso capital humano son mulleres e conforman o 76,47 % dos postos directivos. «O noso compromiso é continuar ese camiño común cara a unha fundación 5.0, sustentada sobre os principios da sostibilidade do medio ambiente, comprometida socialmente, innovadora e con visión nacional e internacional, ao servizo de toda a sociedade galega. No peche deste plan estratéxico e ao enfrontarmos a nova planificación para o seguinte período de aplicación, continuamos, desde hoxe, pensando en futuro, poñendo a nosa vontade, ilusión e recursos», subliña Miguel Ángel Escotet, presidente de Afundación.

OS LOGROS ACADADOS

No ámbito da Educación superior e o coñecemento, transversal a toda a organización, desenvolveuse neste período un intenso proceso de dixitalización e innovación en metodoloxías de ensino-aprendizaxe, tecnoloxías educativas, procesos, dispositivos e instalacións e consolidáronse as colaboracións con prestixiosas institucións de educación superior de Europa, Asia e América, estendendo a internacionalización do proxecto. A empregabilidade dos nosos estudantes é do 96 % no primeiro ano. A frutífera experiencia de IESIDE e o obxectivo de contribuír á dinamización do coñecemento motivaron que se impulsase o proxecto de creación da Universidad Intercontinental da Empresa (UIE), a única universidade en España especializada no tecido empresarial, de servizo público e xestión privada, cunha variada oferta interdisciplinar de calidade, unha forte orientación internacional e sen ánimo de lucro.

Un proxecto educativo que Afundación desenvolve tamén nos seus dous centros de formación profesional, o Colegio Hogar Afundación e o Centro de Formación Profesional Afundación A Coruña, onde hoxe máis do 70 % dos estudantes que realizan prácticas obteñen emprego; na Escola Infantil Afundación Zalaeta e nas súas catro bibliotecas, que pasaron de 150.000 a 185.000 persoas usuarias.

A acción educativa impulsa, así mesmo, un extenso programa de educación financeira, conxuntamente con ABANCA, que ten como obxectivo fundamental achegar a toda a cidadanía, independentemente do seu rango de idade, coñecementos, habilidades, comportamentos, valores e aptitudes.

No seu segundo eixe estratéxico, a promoción do Envellecemento activo, Afundación reafirmou o seu liderado en Galicia cun incremento do 32 % en persoas socias dos nosos 11 espazos +60, desenvolvendo tamén novos proxectos de investigación e formación para coñecer mellor os perfís das persoas que están nesta etapa vital e ofrecerlles propostas que melloren a súa calidade de vida e benestar. No contexto da coñecida como revolución da lonxevidade, Afundación, fronte a un concepto anterior máis tradicional e de servizo, desenvolve hoxe unha innovadora programación na súa rede de espazos +60 que sitúa a entidade como un axente relevante no impulso do envellecemento activo.

Igualmente, dentro da prioridade estratéxica de identificar e desenvolver oportunidades para poñer en valor o talento e a experiencia vital e profesional do colectivo sénior, e de xeito particular para favorecer o intercambio cos mozos e o enriquecemento mutuo, Afundación puxo en marcha neste plan estratéxico dous proxectos pioneiros, «Fálame da emigración» e «Falemos da escola», no marco dun amplo programa de actividades interxeracionais, nas que participan como voluntarias preto de 600 persoas maiores.

No ámbito da Cultura, a Obra Social de ABANCA consolídase como un dos principais axentes dinamizadores da vida sociocultural en Galicia, con cifras récord de participación, 350.000 persoas en 2018. Seguindo o obxectivo prioritario de Afundación de innovar en todos os ámbitos, nos proxectos expositivos dixitalizáronse os contidos e impulsouse un novo programa multidisciplinar que leva a programación máis alá da propia mostra, fóra dos espazos, e que supera a súa concepción estática e tradicional. Así mesmo, neste período iniciouse o proxecto «Corrente cultural», que ten como obxectivo estender as accións culturais a distintas poboacións, alén das principais cidades galegas.

Ademais, nas actividades didácticas nas que anualmente participan 200.000 estudantes e o 48 % dos centros escolares, impulsouse un novo modelo de educación en valores, a modo de ferramenta que complemente os programas curriculares e que á súa vez fomente unha educación en competencias transversais que potencien nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Con estes mesmos fins, o programa ABANCA ReSuena, achega a música a nenos e mozos como ferramenta eficaz para a educación en valores. Co fin de estender a súa actuación neste ámbito a toda a comunidade educativa, familias e docentes, a entidade puxo en marcha o programa «Educación Século XXI», coa organización de conferencias con expertos centradas nas novas metodoloxías e ferramentas ao servizo da educación e da pedagoxía; a xenética, bioloxía e neuroloxía aplicadas á educación ou os beneficios e riscos das novas tecnoloxías, entre outros.

Por outra banda, en 2018 o Voluntariado constituíuse como unha das principais liñas estratéxicas de Afundación. O programa que iniciamos neste período aspira a ser unha ponte de cooperación entre ABANCA, a súa Obra Social e as institucións que conforman as diferentes dimensións da sociedade, atendendo a actividades relacionadas coa diversidade, a sostibilidade e as boas prácticas.