Afundación inaugura o outono co ciclo de cinema de compromiso social «Voces rotas»

The Florida Project, Spotlight, A forma da auga e Lion son os filmes incluídos nesta nova proposta cinematográfica da Obra Social de ABANCA
Publicado por o día 02/10/2019 na sección de Cultura

Afundación inaugura o outono co ciclo de cinema de compromiso social «Voces rotas»

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o ciclo de cinema «Voces rotas» cunha programación conformada por filmes que profundan e dan visibilidade a diferentes problemáticas, desde a marxinación, as crises económicas, a pederastia, o racismo, pasando pola procura da identidade, o abandono ou a adopción.

As películas The Florida Project, Spotlight, A forma da auga e Lion son as escollidas para formar parte do cartel deste ciclo que pasará polas sedes de Afundación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela entre o 8 de outubro e o 25 de novembro.

A entrada a todas as sesións deste ciclo é libre e gratuíta ata encher a capacidade. Na sede de Santiago de Compostela é preciso recoller a entrada de balde previamente na recepción.

OS FILMES

The Florida Project, de Sean Baker, (2017). Un retrato da América do Norte marxinal desde a visión inxenua dunha pequena de 6 anos. Ela e os seus amigos pasan o verán nun pequeno motel moi próximo a Disney World, mentres que os seus pais e veciños seguen sufrindo a crise económica. Proxectarase o 29 de outubro en Ourense, o 5 de novembro en Lugo, Pontevedra e Santiago de Compotela, o 11 de novembro en Ferrol e o día 25 de novembro na Coruña.

Spotlight, de Thomas McCarthy (2015). No ano 2002, un reducido equipo de reporteiros de investigación do xornal Boston Globe destapa os escándalos de pederastia cometidos durante décadas por curas do estado de Massachusetts. A publicación destes feitos sacode á Igrexa católica. Esta película poderase ver o 15 de outubro en Santiago de Compostela, o 22 de outubro en Pontevedra, o 28 de outubro en Ferrol, en Lugo o día 29 de outubro, en Ourense o día 5 de novembro e finalmente o día 11 na Coruña.

A forma da auga (The shape of water), de Guillermo del Toro (2017). Nun laboratorio de alta seguridade, durante a Guerra Fría, prodúcese unha conexión insólita entre dous mundos. A vida de Elisa, limpadora no laboratorio, muda por completo cando descobre un experimento clasificado como secreto: un home anfibio. Proxectarase o 15 de outubro en Ourense, o día 22 en Lugo, o 29 de outubro en Pontevedra e Santiago de Compostela, o día 4 de novembro en Ferrol e o día 18 de novembro na Coruña.

Lion, de Garth Davis (2016). Con cinco anos, Saroo Brierley pérdese nas rúas de Calcuta, a miles de quilómetros da súa casa, e termina sendo adoptado por unha parella australiana. Vinte e cinco anos despois, e coa única axuda da aplicación Google Earth, tenta atopar a súa familia biolóxica. Este filme poderase ver o 8 de outubro en Santiago de Compostela, o 15 de outubro en Lugo e Pontevedra, o 21 de outubro en Ferrol, o 22 de outubro en Ourense e o día 4 de novembro na Coruña.