Afundación inicia o seu novo programa «+60 on line» para activarse desde casa e estar conectados cos demais

O obxectivo é proporcionar ferramentas para minimizar os efectos que as limitacións na mobilidade e contacto social provocan na saúde física, psicolóxica e emocional das persoas maiores
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Formación,Eventos,Galicia

02.02.2021. Afundación, a Obra Social de ABANCA, poñerá en marcha a partir da próxima semana o novo programa «+60 on line» dirixido a este grupo de poboación co obxectivo de manterse activo en casa, conectado e evitar situacións de vulnerabilidade, dada a situación de maior illamento provocada pola pandemia, que se intensificou coas novas restricións. «+60 on line» inclúe propostas con diversas temáticas e en diferentes canles, adaptadas ás necesidades, preferencias e ás diferentes competencias dixitais das persoas maiores, de modo que se poidan conectar simplemente desde un teléfono móbil e participar en calquera das actividades programadas. Toda a información sobre o programa está dispoñible aquí.

«Ante as novas restricións e recomendacións de prevención, faise necesario minimizar os efectos que as limitacións á mobilidade e ao contacto social provocan na saúde física, psicolóxica, mental e emocional das persoas maiores que ven máis afectadas por elas nas súas rutinas diarias. Neste contexto, as canles dixitais, son un medio para articular propostas que nos permitan activarnos física e mentalmente e tamén estar conectados cos demais.», subliña Sabela Couceiro, coordinadora de Envellecemento Activo de Afundación.

A PROGRAMACIÓN

En Afundación TV deseñouse unha proposta en aberto, gratuíta e sen inscrición previa, dirixida a todo o público sénior aínda que cunha preocupación especial polo coidado da saúde e benestar das persoas que viven soas. Así, programáronse actividades con exercicios de intensidade leve e moderada, para traballar as capacidades físicas básicas como forza, equilibrio e coordinación, fundamentais na prevención de caídas. Haberá tamén un curso de cociña con receitas sinxelas e saudables, con trucos prácticos para persoas que cociñan só para elas e necesitan motivación. Así mesmo programouse un taller con técnicas de atención e concentración para aprender a vivir o momento presente e previr a tensión; danza para manterse en forma dunha maneira lúdica ou unha viaxe polos Camiños de Santiago neste Xacobeo, repasando historia e arte.

«+60 on line» utilizará así mesmo WhatsApp como unha ferramenta de traballo e contacto cos participantes nas actividades, tendo en conta que é a aplicación que máis utilizan as persoas maiores de 65 anos e que o teléfono intelixente é o dispositivo que máis usan para conectarse. Por este motivo, o programa inclúe tamén a nova actividade «Xadrez saudable: xoga e adestra o teu cerebro», que utiliza o exitoso método de adestramento cognitivo con xadrez (ECAM), patentado polo Club de Ajedrez Magic de Extremadura. Coa coordinación de especialistas dos Espazos + 60 de Afundación, permite realizar xogos de memoria e atención con outras persoas a través de WhatsApp utilizando o taboleiro de xadrez. A actividade é gratuíta, aínda que require inscrición previa aquí.

Por outra banda, a proposta inclúe tamén un completo programa de actividades formativas virtuais, na plataforma «+60 Classroom», que ata o de agora era utilizada como soporte e extensión de actividades presenciais nos Espazos +60. Haberá cursos de arte, de idiomas por niveis, fotografía, xadrez, historia ou recursos para superar as barreiras dixitais, entre outros. As clases desenvolveranse por videoconferencia cos docentes e o resto de participantes, previa inscrición, e facilitaranse a modo de proba dúas sesións gratuítas.

Neste contexto cambiante pola pandemia pero tendo en conta tamén o avance da dixitalización en xeral e a adquisición progresiva por parte das persoas maiores de máis competencias neste ámbito, a entidade continuará enriquecendo o programa «+60 on line» en convivencia coa súa oferta presencial, cando esta resulte posible.