Afundación pecha a tempada de teatro coa representación de Héroes

A obra terá lugar o 18 de decembro ás 19.30 h. no Teatro Afundación de Vigo.
Por o 10/12/2016 | Sección: Cultura,Vigo
Afundación pecha a tempada de  teatro coa representación de Héroes

O vindeiro 18 de decembro clausurase, con Héroes, a tempada de teatro de Afundación en Vigo. Esta obra de gran prestixio internacional, dirixida por Tamzin Towsend e escrita por Gérald Sibleyras, conta a historia de tres veteranos de guerra que pasan os seus últimos días nun hospital militar. A función terá lugar ás 19.30 h. no Teatro Afundación de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 13), e as entradas poden adquirirse a través das canles habituais de venda de Afundación: en Ataquilla.com e no teléfono 902 504 500.

A OBRA

Héroes é unha divertida e conmovedora comedia do francés Gérald Sibleyras levada aos escenarios pola directora británica Tamzin Towsend. Juan Gea, Iñaki Miramón e Luis Varela encarnan a tres veteranos de guerra que comparten os seus últimos días entre as catro paredes dun hospital. Henri ten unha perna eivada, Philippe sofre repentinos esvaecementos por mor dun anaco de metralla aloxado no seu cerebro e Gustave padece agorafobia. Os días sucédense tranquilos entre discusións e vellas anécdotas do campo de loita ata que Gustave propón fuxir do lugar. Esta comedia conta co respaldo internacional do público e da crítica e no ano 2006 recibía o galardón Lawrence Olivier á mellor peza dentro da súa categoría.