Afundación presenta a obra de Virginia Rota, gañadora do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

A exposición «O mundo ao principio» poderase visitar ata o vindeiro 21 de marzo na Sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo
Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Afundación presenta a obra de Virginia Rota, gañadora do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta en Vigo a exposición «O mundo ao principio», de Viriginia Rota, gañadora do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, certame organizado polo Festival Outono Fotográfico, coa colaboración de Afundación e o patrocinio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo. Poderase visitar a partir de hoxe e ata o vindeiro 21 de marzo na Sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo, de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 h e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 17.30 a 20.30 h.

«O mundo ao principio» nace da necesidade humana de regresar á infancia, ao tempo da inocencia anterior á toma de conciencia do horror. Virginia Rota traballou neste proxecto durante tres anos, man a man con nenos e nenas de entre catro e once anos a quen a artista retratou individualmente antes de lles encomendar a tarefa de retratar «a beleza» e «o importante» cunha cámara desbotable de 27 fotografías, sen contar coa axuda de persoas adultas. Froito deste extraordinario encargo nace a presente mostra, conformada polas fotografías sacadas polos nenos e nenas e os retratos dos propios cativos feitas por Rota e merecedora do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, como un ensaio coral sobre a estética e os valores máis intuitivos. Estes poden parecer connaturais ao ser humano, mais só o son durante a infancia, polo tanto, abandónanse cando se madura e se toma conciencia do abafador que resulta reflexionar sobre estas cuestións. En palabras do comisario da exposición, Vítor Nieves, «este proxecto fotográfico é todo un alegato en favor da infancia, un retrato da liberdade de pensamento».