Afundación presenta a súa programación de cursos de cociña 2019-2020 para a súa sede de Vigo

Un total de 23 talleres gastronómicos conforman a proposta que se impartirá entre os meses de outubro a abril e na que poderán participar nenos, nenas e adultos
Por o 19/08/2019 | Sección: Galicia,Vigo
Afundación presenta a súa programación de cursos de cociña 2019-2020 para a súa sede de Vigo
Compartir en:

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a súa programación de cursos de cociña para a tempada 2019-2020 na súa sede de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26). Impartiranse un total de 23 talleres dirixidos a nenos, nenas e adultos, tamén en formato interxeracional para que os máis pequenos aprendan e gocen da cociña xunto aos seus pais, nais, avós ou avoas. Todos os cursos serán impartidos por «A cociña de Monse» e as inscricións poderanse realizar na web Ataquilla.com a partir de hoxe, 19 de agosto.

CURSOS DE COCIÑA PARA ADULTOS

Entre os meses de outubro e abril impartirase o programa de cursos para adultos, quen poderán escoller entre 15 propostas diferentes. Terán a posibilidade de achegarse á gastronomía típica doutros países con «Pratiños mexicanos» no mes de novembro, «De Italia á boca» en febreiro e «Recetas internacionais» en marzo; aprenderán novas formas de tratar produtos como a pasta e o arroz en «Todo pola pasta e o arroz», en outubro, e «Arroces e outros preparados de verán» no mes de marzo, ou as verduras e a froita en «Comémonos as cores, verde!» en outubro, e elaborarán pratos de tempada durante o mes de febreiro en «Bocados con culler e garfo».

Durante a época do Nadal os asistentes aprenderán a elaborar innovadoras receitas para celebrar as festas nos cursos «Preparativos para as festas» en novembro, e

«Gastro-ideas para eventos especiais», «Taller de chocolate en 3D», e «Cociña festiva», todos eles en decembro.

E para os que desexen comezar a adestrar as súas destrezas culinarias, celebraranse catro cursos de «Cociña para principiantes», dous de nivel I en outubro e febreiro e outros dous de nivel II en novembro e marzo.

PROGRAMACIÓN PARA OS PEQUECHEFS

Os nenos e nenas de entre 7 e 14 anos poderán participar en dúas propostas de temática do Nadal durante os meses de decembro e xaneiro. Así, nos talleres «Os pequechefs e o Nadal» e «Os pequechefs de Reis», que se impartirán en quendas de mañá e tarde, aprenderán a elaborar receitas ideais para esta época.

CURSOS INTERXERACIONAIS

Fomentar a cociña familiar, animar aos máis pequenos a estimular a curiosidade natural, satisfacer os seus sentidos e explorar unha nova parte da vida a través da cociña son os obxectivos desta proposta de cociña en equipo na que poderán participar nenos e nenas de entre 7 e 14 anos acompañados polos seus pais, nais, avós ou avoas. Os talleres que se impartirán neste formato serán «Cociña & family» no mes de outubro, e «Cociña co teu mellor pinche» no mes de novembro, «Taller de chocolate-Cocina & family» en decembro e, finalmente, «Receitas do mundo-Cocina & family» no mes de febreiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.