Afundación presenta en Vigo un novo curso sobre historia da arte a cargo de Ana Pereira Molares

O curso «Historia e evolución dos xéneros e soportes desde a Prehistoria» impartirase desde outubro ata marzo
Publicado por o día 23/09/2019 na sección de Galicia,Vigo

Afundación presenta en Vigo un novo curso sobre historia da arte a cargo de Ana Pereira Molares

Afundación, a Obra Social de ABANCA, albergará na Sala de Conferencias do Teatro Afundación o curso sobre arte Historia e evolución dos xéneros e soportes desde a Prehistoria impartido por Ana Pereira Molares, doutora en Historia da Arte. Comezará o vindeiro mes de outubro e prolongarase ata marzo. As inscricións pódense formalizar na web Ataquilla.com.

A DOCENTE, ANA PEREIRA MOLARES

Ana Pereira Molares é licenciada en Historia da Arte pola Universidad Autónoma de Madrid, onde obtivo o Premio Extraordinario Fin de Carreira, e doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.

Compaxinou a actividade docente cun intenso labor investigador, centrado fundamentalmente no estudo dos diferentes perfís tipolóxicos da arquitectura galega do período barroco. Deste traballo nacen as publicacións A arquitectura do pazo en Vigo e a súa comarca, publicado polo COAG; Os pazos. Moradas fidalgas de Galicia, editado baixo o patrocinio da Editorial Galaxia; e Galicia, terra de pazos. É autora tamén da publicación Arquitecturas y arquitectos en la Diócesis de Tui. Siglos XVII y XVIII, un traballo que ten como fundamento a tese doutoral que defendeu na Universidade de Santiago de Compostela, cualificada por unanimidade polo tribunal con sobresaínte cum laude.

Ten numerosos artigos publicados en diferentes revistas especializadas. Nos últimos anos a materia obxecto da súa investigación vese complementada por outras liñas de reflexión, orientadas ao ámbito das artes plásticas.

No ano 1998 é designada membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses, sendo a primeira muller que ostenta tal cargo.