Afundación presenta no auditorio do seu Teatro de Vigo Freaky, unha obra sobre o acoso escolar

A representación, en inglés, terá lugar desde mañá, martes 17, ata o venres con dúas funcións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 h.
Publicado por o día 16/01/2017 na sección de Cultura,Vigo

Afundación presenta no auditorio do seu  Teatro de Vigo Freaky, unha obra sobre o  acoso escolar

Asistirán máis de 3700 espectadores procedentes de centros escolares de Vigo e o seu contorno.

O auditorio do Teatro Afundación Vigo acollerá desde mañá, martes 17 de xaneiro, ata o venres 20, a representación de Freaky, dentro da programación para escolares da Área Educativa de Afundación. Máis de 3700 estudantes, procedentes de centros escolares da cidade e o seu contorno, participan desta iniciativa estruturada en dúas funcións diarias, ás 10.00 e ás 12.00 h. A compañía Blue Mango Theatre achegará aos máis pequenos a realidade do acoso escolar, dun modo alternativo e en lingua inglesa, concienciando sobre a importancia de inculcar a cultura do respecto no seo da comunidade educativa. A proposta enmárcase dentro das actividades educativas para escolares programadas para o curso 2016-2017, que teñen como obxectivo reforzar a formación que os estudantes reciben nas aulas, como unha ferramenta que complemente os programas curriculares dos centros escolares. Así, a programación deseñada por Afundación promove unha educación en competencias transversais que potencian nos estudantes o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, o autoestima ou o traballo en equipo.

A REPRESENTACIÓN

Freaky aborda a problemática do acoso escolar nos campamentos de verán. Chega o momento das colonias estivais e todos os nenos están emocionados polas aventuras que lles agardan no campamento. Pero hai un que parece un pouco distinto aos demais. Non se mostra moi animado, é moi pálido, sempre viste de negro e o seu aspecto é… diferente. Todo o mundo pensa que é un pouco raro e freaky. Achégase o concurso de baile de final de campamento e… vaia se sabe bailar! Será quen de superar o acoso de Eevi e gañar? A través da música abórdanse temas como o bullying ou a amizade.