Afundación presenta unha programación de actividades para escolares adaptada á cambiante e nova normalidade

A Obra Social de ABANCA presenta unha proposta de actividades complementarias á formación que os estudantes reciben nas aulas adaptada ás circunstancias, con actividades que combinan o online co presencial
Publicado por o día 07/08/2020 na sección de Educación,Eventos

Afundación presenta unha programación de actividades para escolares adaptada á cambiante e nova normalidade

Convencidos de que agora máis que nunca os nenos e nenas en idade escolar deben contar coa proximidade das artes, a cultura e a formación multidisciplinar como canle para o crecemento persoal e o desenvolvemento social, e o corpo docente con novas ferramentas e apoio para afrontar o cambio de paradigma no labor da docencia derivado da crise sanitaria actual, o equipo da Área Educativa de Afundación, a Obra Social de ABANCA, deseñou unha programación de actividades educativas para o curso 2020/2021 adaptada á chamada nova normalidade. Trátase dunha programación híbrida, con propostas de perfil virtual e presencial. Desta forma, os docentes e estudantes contarán coa posibilidade de asistir in situ a aquelas propostas que se realicen, no caso de que se dean as condicións, de forma presencial, e á súa vez de seguilas de forma online, xa que se retransmitirán en streaming a través do novo portal da entidade, Afundación TV. Á súa vez, contarán con recursos en liña dos que poderán facer uso como complemento e apoio á docencia tanto no caso no que houbese que impartir as clases a distancia como na propia aula.

A PROGRAMACIÓN

A oferta abarca actividades en ámbitos como o das artes escénicas, a danza e a música, con representacións teatrais tanto presenciais como en streaming que se complementarán con encontros vía online con algúns dos membros das compañías, o que axudará establecer e reforzar as relacións entre o alumnado e o mundo das artes. Tamén se inclúen propostas no ámbito das artes plásticas e visuais; a cultura científica e medio ambiente; lingua e literatura galega; tecnoloxía e seguridade; economía e educación financeira; aprendizaxe interxeracional e inglés. Unha das principais novidades é a implantación da aula STEAM mediante a cal se darán contidos básicos de programación e robótica aplicada ás artes e ao medio ambiente.

A Biblioteca Infantil e Xuvenil de Afundación de Santiago de Compostela igualmente terá un papel importante dentro do programa xa que, xunto á Colección de Arte Afundación, ofrecerá unha importante selección de historias e contos animados coas lendas e a historia de Galicia como protagonistas.

Ademais, todos os proxectos expositivos que desenvolva Afundación contarán cunha versión virtual, para poder percorrer as mostras sen necesidade de atoparse nelas fisicamente, e con material didáctico adicional ao dispor dos estudantes, un interesante complemento para apoiar o labor educativo das aulas.

Así mesmo, Afundación continúa co programa «Educación século XXI», un ciclo de conferencias que este ano se impartirán de forma virtual e presencial e que teñen como obxectivo crear un marco para a reflexión sobre o labor e os retos aos que se enfrontan nais, pais, profesores e estudantes na educación actual, ampliando así o ámbito de actuación da entidade a toda a comunidade educativa. No marco deste programa, grandes especialistas falarán sobre novos estudos, tendencias, sinerxias interdisciplinares ou innovación metodolóxica para sentar as bases cara a un cambio real e necesario no ámbito académico.

As conferencias que se impartirán de maneira virtual serán a do 1 de outubro co premiado profesor César Bona, a do día 22 dese mesmo mes con recoñecido psicólogo Javier Urra, e o ciclo «Os transtornos da aprendizaxe» que se desenvolverá os días 12, 19 e 26 de novembro e 3 de decembro da man de Anna Sans, neuróloga infantil.

De xeito presencial, á espera de como transcorra a situación sanitaria, só se impartirá unha a cargo do docente Víctor Arufe, premio Educa ABANCA ao mellor docente de España na categoría Universidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.