Afundación programa para estas vacacións escolares cursos de robótica, cociña e obradoiros de Nadal

As actividades celébranse entre o 26 de decembro e 4 de xaneiro
Publicado por o día 15/12/2016 na sección de Cultura,Formación,Vigo

Afundación programa para estas  vacacións escolares cursos de robótica,  cociña e obradoiros de Nadal

Naturnova ampliará o seu horario neste período e na mostra «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección» a entidade invita a compartir «Arte en familia»

Afundación deseñou para este período do Nadal na súa sede de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26) un completo programa de actividades destinadas ao público infantil para que os pequenos da casa aprendan mentres se divirten. Así, na mesma liña que se desenvolven as propostas didácticas programadas ao longo do curso, durante as vacacións escolares, os días 3 e 4 de xaneiro, as nenas e nenos poderán participar nun curso de robótica e novas tecnoloxías onde farán e programarán os seus propios robots. Afundación propón tamén para estas datas dous talleres de cociña: «Cociña infantil: contos e lendas de Nadal» entre o 26 e o 29 de decembro, coa totalidade de prazas cubertas e «Cociña infantil: aperitivos para os Reis Magos», entre o 30 de decembro e o 4 de xaneiro, onde aínda hai prazas dispoñibles. Os días 27 e 28 de decembro celebrarase o taller Contos de Nadal, no que os participantes prepararán adornos de Nadal con elementos do bosque no que poñerán a proba a súa creatividade e destreza manual. Ademais, durante este período, no marco da exposición permanente «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección», Afundación convida a gozar da «Arte en familia», e o centro interactivo de educación

ambiental Naturnova ampliará o seu horario e estará aberto tamén durante a semana, período que o resto do ano se reserva exclusivamente a centros escolares.

AS PROPOSTAS

«Cociña infantil: contos e lendas de Nadal». Coa totalidade de prazas cubertas, desenvolverase entre o 26 e o 29 de decembro, nunha sesión, en horario de 11.00 a 13.00 h ou de 18.00 a 20.00 h. Impartido por Adriana del Río Miranda, o curso consiste na elaboración de pratos típicos de Nadal mentres os participantes escoitan relatos e lendas tradicionais desta festividade. O programa inclúe os seguintes menús e contos: a Lenda do Apalpador con delicias de coles de Bruxelas e castañas e tronquiño de Nadal con castañas; Befana, a bruxa italiana dos desexos con hamburguesa de lentellas, bocadiños de milfollas e lentellas de cores; Babushka e o Nadal ruso con tartaletas de pataca con salmón afumado con queixo ás finas herbas e oladí de cabaza e, para rematar, as uvas de fin de ano con raxo ás uvas pasas con piñóns e as 12 uvas da sorte.

«Cociña infantil: aperitivos para os Reis Magos», para o que si hai aínda prazas dispoñibles en Ataquilla.com, celebrarase no mesmo horario entre o 30 de decembro e o 4 de xaneiro, impartido tamén por Adriana del Río Miranda. Está estruturado en catro sesións nas que se elaborarán os seguintes pratos: cuscús de verduras e garavanzos e dátiles recheos de noces, polo con mel e laranxa ao forno e muahl-labie (crema amendoada), falafel de garavanzos con ensalada oriental e pudin de Nadal de dátiles e noces así como kebab de peixiños con mollo de iogur e pastas árabes de améndoas e azar.

Tomando como fonte de inspiración pequenos relatos de Nadal, Pintafontes, a mascota da área educativa de Afundación, presenta o 27 e 28 de decembro o taller «Conto de Nadal» para facer adornos para a árbore. O relato O abeto Aniceto, de Dolores Espinosa, será o punto de partida da actividade na que, con elementos procedentes do bosque, os participantes elaborarán pequenos ornamentos naturais. O obxectivo é, ademais de reforzar valores como a importancia da sustentabilidade, desenvolver a creatividade e as destrezas manuais. A proposta é dunha sesión de dúas horas e media de duración e está dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 8 anos. As prazas poden reservarse na propia sede ou no teléfono 986 129 032.

O 3 e o 4 de xaneiro terá lugar un taller de robótica e novas tecnoloxías, a cargo de Code Monsters, para o que non se require experiencia previa. As clases impartiranse en horario de 10.00 a 13.00 h e as prazas poden reservarse en Ataquilla.com. O curso está estruturado en dúas sesións. Na primeira xornada, os nenos e nenas construirán os robots empregando sets de Lego Mindstroms. Despois realizarase unha demostración empregando o software para construír un programa que faga que o robot describa un movemento recto e explicaranse os conceptos sobre programación necesarios. Posteriormente os participantes programarán os robots utilizando ordenadores e o software EV3 para que describan varios movementos básicos. Na segunda xornada, a actividade combina programación, electrónica e a construción manual dunha estrutura. Os participantes aprenderán os conceptos necesarios sobre programación utilizando placas BBC Microbit e o editor de bloques de Microsoft, unha ferramenta de programación visual baseada en bloques e posteriormente programarán as placas cun programa contador.

Para este período de vacacións escolares, Afundación propón visitar en familia a mostra «Percorrendo a nosa arte. Esencia dunha colección». Así, para que pequenos e maiores compartan a súa paixón pola arte, deseñouse un xogo de pistas nos que todos xuntos deberán responder a unha serie de cuestións que achegarán os nenos e nenas á arte dunha forma divertida e que permiten aos adultos contemplalo cunha mirada diferente. Ademais, durante este período, a sala ampliará o seu horario e permanecerá aberta desde o xoves 22 de decembro ao mércores 4 de xaneiro, de 17.30 a 20.30 h (pechado o 24, 25, 31 de decembro e o 1 de xaneiro). Afundación inaugurou tamén a mostra do seu concurso de beléns, un certame que cumpre 51 anos e no que participan distintos colectivos e particulares. Poderá visitarse ata o 6 de xaneiro na sala de exposicións do Teatro Afundación.

Naturnova, o Centro Interactivo de Educación Ambiental da entidade (rúa Velázquez Moreno, 20), tamén ampliará os seus horarios durante este período do Nadal e estará aberto os días 23, 27, 28, 29 e 30 de decembro e 3, 4 e 7 de xaneiro, de 17.30 a 20.30 h. Os días 24 e 31 de decembro o centro permanecerá pechado.