Afundación reabre a mostra «O noso planeta», unha viaxe fotográfica e tecnolóxica polos ecosistemas máis fermosos da Terra

Organizada en colaboración coa plataforma audiovisual Netflix, poderase volver visitar a partir do vindeiro luns 14 de setembro
Publicado por o día 11/09/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

Afundación reabre a mostra «O noso planeta», unha viaxe fotográfica e tecnolóxica polos ecosistemas máis fermosos da Terra

Afundación, a Obra Social de ABANCA, reabre a exposición «O noso planeta» na súa sede de Vigo, un proxecto organizado en colaboración con Netflix e Planeta que mostra o compromiso da entidade coa sostibilidade e a protección do medio ambiente. Está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix que bateu todos os récords de audiencia da súa programación, superando, no momento da súa estrea, a calquera serie ou película da súa carteleira. Estará aberta ao público a partir do vindeiro luns 14 de setembro, de luns a sábado en horario de 17.30 a 21.00 h.

Ademais das fotografías, «O noso planeta» integra elementos tecnolóxicos que ofrecen ao espectador novas posibilidades de gozar dunha exposición. Conta cunha pantalla curva de 10 metros na que se proxectan imaxes do documental cuxa calidade fai que os animais parezan saír ao encontro dos visitantes, e un chan interactivo que recrea o fondo mariño e reacciona ao seu paso.

Durante o percorrido da exposición tamén se instalou un módulo de Google Earth mediante o que viaxar a diferentes lugares do planeta sen necesidade de entrar en contacto físico cos dispositivos, e unha mesa de luz interactiva na que responder a preguntas vinculadas á sostibilidade.

Así mesmo, na mesma sala de exposicións pódese ver a curta Lemon, producida pola Fundación Reina Sofía, unha peza audiovisual que narra un breve episodio na vida dunha pequena tartaruga e unha gaivota sobre o uso e o abuso que facemos do plástico na nosa sociedade.

Este proxecto expositivo inaugurouse o pasado mes de marzo, pero tivo que pechar as súas portas debido á situación sanitaria derivada da expansión do virus COVID-19. Púidose volver visitar durante os meses de xuño e xullo e agora Afundación decidiu retomala para que o público poida seguir gozando desta interesante, didáctica e nova mostra organizada en primicia pola Obra Social de ABANCA. A súa apertura realizarase baixo un estrito protocolo sanitario que garanta o goce da cultura dunha forma segura. Así, será obrigatorio o uso de máscara; controlarase a capacidade da sala; os itinerarios e percorridos estarán sinalizados; levarase a cabo unha desinfección rigorosa dos espazos; eliminaranse os elementos táctiles e levarase a cabo a supervisión da sala por parte de persoal da entidade para garantir o cumprimento da distancia de seguridade.

O PROXECTO EXPOSITIVO «O NOSO PLANETA»

Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible. Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey e que conta coa locución de David Attenborough en inglés e de Penélope Cruz na versión española, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse.

«Mundos de xeo», «Auga doce», «Praderías», «Desertos», «Bosques», «Selvas», «Litorais» e «Alta mar» son os oito apartados nos que se reparten as fotografías que compoñen a mostra e a través das que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un parágrafo contextualizador. A proposta de Afundación consiste en presentar unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial, na que a interactividade e a realidade virtual son partes fundamentais.

O compromiso de Afundación coa sostibilidade e o respecto ao medio ambiente motivou a realización desta mostra, xa que un dos principios fundamentais e transversais a toda a entidade reside, precisamente, en traballar conforme a un modelo máis sostible que condense a aspiración a unha vida máis digna en todos os sentidos posibles. Deste xeito, Afundación e ABANCA son entidades comprometidas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e procuran, nos seus diversos ámbitos de actuación, divulgar o principio de sostibilidade como motor das actividades que se realizan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.