Afundación trae a Vigo Enfrentados con Arturo Fernández na dirección e no elenco

Publicado por o día 04/09/2014 na sección de Cultura

Afundación trae a Vigo Enfrentados  con Arturo Fernández na dirección e no elenco

– David Boceta comparte escenario con Arturo Fernández

– I Premio Molière (Francia), Theatre World Award (EE. UU.) e Drama Desk Award (EE. UU.)

  A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) trae a Vigo a produción teatral Enfrentados con Arturo Fernández e David Boceta no elenco e baixo a dirección do primeiro. A obra terá lugar no teatro do Centro Cultural da entidade, Policarpo Sanz, 13, mañá venres 5 de setembro ás 21.00 h; o sábado 6 ás 19.00 e ás 21.30 h; e o domingo 7 ás 19.00 h.

As entradas están á venda nas canles habituais de comercialización de espectáculos de Afundación, a web de Servinova, www.servinova.com, e a billeteira telefónica 902 504 500, desde as 8.00 ata as 22.00 h.

Enfrentados é un texto do autor estadounidense Bil C. Davis, que obtivo o Premio Molière de Francia, o Theatre World Award de EE. UU. e o Drama Desk Award tamén de EE. UU. Lévao ás táboas o propio Arturo Fernández, que interpreta, así mesmo, un dos protagonistas, o Padre José María Fanjul; mentres que David Boceta encarna o segundo dos personaxes que conforman a obra, Tomás de la Casa.

O Padre José María, é un sacerdote católico cun gran carisma e chamado probablemente a maiores responsabilidades. Querido e admirado polos fregueses da súa parroquia, situada nun dos barrios máis elegantes da cidade, comparte as súas tarefas sacerdotais cun programa de televisión semanal no que se debaten os temas de actualidade na Igrexa, relatorios que lle gusta preparar cun diálogo aberto ao remate das súas misas. É un sacerdote de talante e pensamento aberto, que non é impermeable ás cuestións que desde a sociedade e desde os sectores máis progresistas da Igrexa se están a debater. A aparición de Tomás de la Casa, un seminarista novo, apaixonado e rebelde, vai remover moitas cousas na Parroquia de Nosa Señora dando lugar a un enfrontamento que levará ao espectador desde a risa ata a tenrura constantemente ao longo da función.

Enfrentados foi estreada en Broadway en 1980 e recolleu premios tan importantes como o do Círculo de Críticos (Critics Circle Awards). En Londres en 1982 serviulle, grazas ao éxito da crítica e do público, a Rupert Everett para consagrarse como actor.

En París co título de L ́Affrontement (onde recibiu o Premio Molière) contou con Jean Piat como protagonista, quen na súa actual versión francesa exerce de director. Así, foi ben acollida en todas e cada unha das cidades do mundo polas que pasou. Non cabe dúbida de que a actual figura do Papa Francisco fai que o contido desta comedia, chea de humor, ironía, texto e pensamento, cobre unha vixencia e un interese anovado.

PRENSA AFUNDACIÓN