Afundación TV ofrece unha programación especial para o mes de agosto

Con acceso libre e gratuíto, emitirá unha selección da programación que desenvolve Afundación nas súas diferentes áreas para facilitar o acceso universal ás súas propostas
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Eventos

Afundación TV ofrece unha programación especial para o mes de agosto

Afundación TV, o novo portal web de emisión de contido audiovisual de Afundación, a Obra Social de ABANCA, preparou unha programación especial para continuar, durante o mes de agosto, ofrecendo as súas propostas dun xeito accesible e dinámico. A través deste portal, concibido como unha televisión interactiva multimedia para todos os públicos, poderase acceder a seccións fixas de contido cultural e educativo dirixido a escolares, familias, á xuventude, público +60 e profesionais. Así, todos os luns emitirase o «Foro Viño XXI», e os luns e xoves a sección «Benestar e ioga na casa» con Sandra Roco. Os martes será a quenda para a sección «IESIDE sen muros» na que profesionais e académicos de diferentes sectores económicos analizarán a situación actual. Os mércores emitirase a sección «Imos ao cinema» na que Asier Mensuro fará recomendacións sobre o mundo cinematográfico. Os xoves e venres estarán dedicados ao público máis novo co taller de teatro dirixido por Teatro Ghazafelhos e o taller musical «Cantemos [email protected] s» con Esperanza Mara.

Ademais das seccións fixas, programouse a emisión de numeroso contido. No ámbito educativo poderase gozar de obradoiros como o de mindfulness impartido pola psicóloga Belén Colomina, ou de conferencias sobre educación a cargo de recoñecidos profesionais como José Antonio Marina ou María Jesús Álava. Desde «IESIDE sen muros», profesores de prestixio no ámbito académico nacional e internacional abordarán contidos de interese xeral e profesional co obxectivo de xerar ideas e proxectos de utilidade para a comunidade académica, e profesionais de diversos

sectores ou empresarios achegarán a súa visión para enfrontarse a unha contorna en constante evolución e cambio.

No ámbito cultural as propostas tamén serán moi variadas, coa posibilidade de ver desde a sección «Diálogos con Pepe Solla» co escritor Manel Loureiro como convidado, ata realizar unha visita virtual ás nosas exposicións ou aprender coas pílulas audiovisuais sobre arte «A Colección en casa» ou as audicións de música clásica.

Ademais, no portal Afundación TV tamén se pode acceder a recursos audiovisuais de índole didáctica para toda a comunidade educativa, así como docentes, familias, nenos e nenas e novas, como os vídeos titoriais de cociña en familia a cargo de Vanesa Sende, a sección dedicada aos libros e contos «Bibliotecasa», os talleres de papiroflexia da man de Jorge Pardo ou os experimentos científicos de Naturnova.

Comentar noticia

Your email address will not be published.