A Agadic promove o audiovisual galego no mercado da Berlinale xunto con 10 empresas do sector

Big Rights, CTV, Ficción Producciones, Frida Films, Gaita Filmes, Matriuska, Numax Distribución, Ollo Vivo, Portocabo e Tree Lines procuran acordos de coprodución, vendas e distribución
Por o 16/02/2018 | Sección: Cultura
A Agadic promove o audiovisual galego no mercado da Berlinale xunto con 10 empresas do sector

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) promove o audiovisual galego no European Film Market (EFM) de Berlín baixo a marca ‘Films from Galicia’ xunto con 10 empresas produtoras e distribuidoras que operarán ata o vindeiro día 23 neste encontro profesional paralelo á Berlinale. A delegación coordinada pola Xunta de Galicia, que se completa coa presenza do Cluster Audiovisual Galego, da Academia Galega do Audiovisual e de Conecta FICTION, enmárcase no programa de internacionalización do sector que conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

No European Film Market atópanse xa a maioría dos representantes de Big Rights, CTV, Ficción Producciones, Frida Films, Gaita Filmes, Matriuska, Numax Distribución, Ollo Vivo, Portocabo e Tree Lines. Acoden con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados, co obxectivo de lograr acordos de coprodución, vendas e distribución internacional, para o que están a desenvolver reunións e presentacións con axentes de todo o mundo.

Selección galega

Un dos momentos máis importantes do audiovisual galego en Berlín será a presentación no foro de coprodución (Berlinale Coprodution Market) de ‘Three’, proxecto de Frida Films co director Juanjo Giménez (Palma de Ouro no Festival de Cans 2018 pola súa curta ‘Timecode’). O novo título, actualmente en fase de desenvolvemento, é un dos únicos 21 seleccionados para este apartado. Outra cita relevante é a proxección na sección Panorama do festival de ‘Trinta lumes’, película de Diana Toucedo producida pola empresa galego-madrileña Lasoga con subvención da Agadic e rodada na serra do Courel. A fita é unha das tres españolas que forman parte desta carteleira, na que se inclúen 47 películas de 40 países.

Ademais das actividades concretas de presentación, as empresas galegas contan no EFM cun espazo propio para o desenvolvemento de xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau. A Agadic forma parte desta plataforma xunto con ICEX España Exportación e Inversiones, o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e outras entidades e organismos autonómicos. Desde este espazo achégaselle tamén aos axentes de vendas internacionais a nova edición para 2018 do catálogo Films from Galicia, unha escolma de 43 producións e proxectos de longametraxes de ficción, animación e documentais, ademais de películas, series e formatos de televisión, así como o de Shorts from Galicia, dedicado ás curtas.

Conecta FICTION no Drama Series Days

Tamén está acreditada neste espazo Inside Content, a produtora de Conecta FICTION, o encontro promovido pola Xunta de Galicia que celebrará a súa segunda edición en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xuño como único evento internacional dedicado en exclusiva a poñer en relación os profesionais da ficción televisiva de América Latina, Estados Unidos e Europa. Conecta FICTION será o protagonista dunha presentación no marco do Drama Series Days, un dos apartados da Berlinale dedicados á pequena pantalla.

O devandito encontro tamén estará presente nun evento de promoción especial organizado polo Clúster Audiovisual Galego e a Agadic, que terá lugar na tarde-noite do domingo 18 na Academia Lounge de Berlín coa finalidade de intensificar as relacións entre os representantes do audiovisual galego desprazados coa prensa especializada e membros da industria internacional convidados. Os produtos gastronómicos co selo de Galicia Calidade tamén estarán presentes nesta cita.

O European Film Market é un dos principais escaparates de cine do mundo, asociado á programación da Berlinale como centro de negocios para os profesionais que asisten ao prestixioso festival cinematográfico. Cada ano acolle máis de 400 expositores (na súa maioría produtoras, distribuidoras e organismos oficiais) duns 50 países, así como 1.300 compradores de todo o mundo. Este ano, con motivo do seu 30º aniversario, prevese unha edición especialmente intensa en actividades e numerosa en acreditados, xa que se agarda a visita de 9.000 compradores, produtores, inversores e expositores.