Por qué son agora máis mortíferos os lumes en Pontevedra?

Por o 07/11/2017 | Sección: Medio Ambiente,Social
Por qué son agora máis mortíferos os lumes en Pontevedra?

Segundo a información recopilada nas hemerotecas (que podería ser incompleta), nos últimos 34 anos en Galicia morreron 27 persoas a causa dos incendios forestais: 9 pilotos en accidentes de aviación e 18 veciños ou brigadistas en terra:

  • 09-09-1988: 4 mortos en accidente hidroavión en Lavacolla (C)
  • 16-06-1996: 1 brigadista morto en Cerdedelo (Ou)
  • 07-07-1997: 2 mortos en queimas autorizadas en A Estrada e Lalín (Po)
  • 26-08-1998: 1 brigadista morto no P.N. Xurés (Ou)
  • 09-09-1998: 1 piloto morto en desprazamento para extinción en Laza (Ou)
  • 08-04-2001: 1 veciña que queimaba restrebes morta en Marín (Po)
  • 20-06-2001: 1 conductor moto-boma morto en accidente de tráfico en Guntín (Lu)
  • 22-07-2004: 1 piloto morto nun incendio en Beariz (Ou)
  • 07-06-2005: 1 piloto morto en Beariz (Ou), tras extinción incendio en Poio (Po)
  • 06-08-2005: 1 piloto morto en extinción en Medeiros (Ou)
  • __-__-2005: 1 bombeiro morto en extinción incendio en Pontevedra
  • 04-08-2006: 2 veciñas mortas en Cerdedo (Po) ao fuxir dun incendio
  • 07-08-2006: 1 veciño morto en Campo Lameiro (Po) durante extinción incendio
  • 04-08-2010: 1 veciña que queimaba restrebes morta en Outes (C)
  • 12-08-2010: 2 brigadistas mortos en Fornelos de Montes (Po) durante extinción
  • 02-10-2011: 1 piloto morto en accidente avioneta extinción en Vences (Ou)
  • 27-03-2012: 1 brigadista morto en Castrelo do Val (Ou) durante un incendio
  • 15-10-2017: 3 vecinos mortos en (Po) e 1 en Carballeda de Avia (Ou)

A distribución das 18 vítimas mortais en terra é moi desigual entre o periodo 1984-2000 (4 falecidos) e 2001-17 (14 falecidos), é dicir, a mortalidade triplicouse nos últimos anos. Tamén é moi dispar a distribución por provincias e a súa evolución entre ambolos dous periodos considerados, cun lixeiro incremento na Coruña (de 0 a 1 vítima) e Lugo (de 0 a 1 vítima) e estabilidade en Ourense (2 e 2 vítimas), mentres que sufriu un forte aumento en Pontevedra onde se quintuplicou a mortalidade a causa dos lumes pasando de 2 a 10 vítimas. Xa que logo, o incremento da mortalidade polos lumes forestais en Galicia concéntrase, case exclusivamente, na provincia de Pontevedra.

Corrixida en función da poboación de cada provincia (expresada en vítimas por cen mil de habitantes), a mortalidade provocada polos lumes forestais dende 2001 é de 0,09 en A Coruña, 0,30 en Lugo, 0,64 en Ourense e 1,06 en Pontevedra. A maior taxa de mortalidade en Pontevedra non se debe exclusivamente ao número de lumes e a superficie queimada, que son semellantes aos da Coruña e pouco máis da metade dos que se producen en Ourense.

Entón, por que son agora máis mortíferos os lumes forestais na provincia de Pontevedra? Sen perxuizo de que é necesaria unha análise máis pormenorizada antes de tirar conclusións definitivas e deseñar medidas para evitar no posible as vítimas mortais, os seguintes mapas apuntan a unha coincidencia que podería axudar a explicalo. Na provincia de Pontevedra a distribución das zonas con maiores densidades de “frondosas perennifolias” (case exclusivamente eucaliptos e acacias) coincide sensiblemente coas maiores densidades de poboación. Ao anterior podemos unir a crónica DES-ordenación do territorio, agravada pola crecente eucaliptización e o periodo de burbulla inmobiliaria, mesturándose propietarios plantando eucaliptos a carón dos núcleos de poboación e veciños construindo vivendas entre eucaliptais. Asi mesmo, sen dúbida inflúe o feito comprobado de que, con condicións de manexo semellantes, nos eucaliptais é maior a velocidade de propagación dos lumes (un 50% máis que nunha carballeira e un 25% máis que nun piñeiral) e o risco de aparición de lumes secundarios (ata 3 km de distancia) (Véxase Foto-guía de combustibles forestales de Galicia y comportamiento del fuego asociado). Considerando todos estes aspectos quizais podamos achegarnos á explicación da maior perigosidade dos lumes en Pontevedra.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.