Agosto comeza cargado de actividades culturais da man da Deputación de Pontevedra

Esta primeira semana de agosto achegará concertos, contacontos e exposicións a oito concellos da provincia
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra

Agosto comeza cargado de actividades culturais da man da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra continúa apostando fortemente pola cultura, co obxectivo de facela chegar a todos os recunchos da provincia e ten programadas ata 11 actividades en oito concellos do territorio para esta primeira semana de agosto. Nesta ocasión serán os concellos da Guarda, Soutomaior, Lalín, Mondariz, O Grove, Crecente, Covelo e Vigo os que acollan tanto exposicións coma accións enmarcadas dentro dos programas “Musigal”, “Música no Ar” e “Re-Acción nos Castelos!”.

Máis polo miúdo, este mércores día 5 a programación de “Música no Ar”, que ofrece música de cámara en espazos patrimoniais da provincia, chega ao concello da Guarda co cuarteto de corda da Orquestra 430 de Vigo que actuará na Praza do Reló ás 20.00 horas. Enmarcado no mesmo programa, o xoves día 6 o Pazo Liñares en Lalín acollerá o concerto do pianista Alejo Amoedo e a mezzosoprano Iria Cuevas, tamén ás 20.00 horas. Ese mesmo día a Deputación ofrece dúas accións enmarcadas en “Re-Acción nos Castelos!”. Coa primeira, unha parella de contacontos fará as delicias das nenas e nenos con “Nin príncipes nin princesas” ás 18.00h no Castelo de Soutomaior. No mesmo lugar, xa ás 19.30, terá lugar “Permodus”, unha acción de danza contemporánea que forma parte de “Danza no Castelo”.

O venres “Re-Acción nos Castelos” levará o concerto de “Falúa” ao Castelo de Sobroso, en Mondariz, ás 19.30 horas. No Grove, “Música no Ar” achegará, ás 21.00 horas, a actuación do quinteto de corda da Orquestra Clásica de Vigo á Fábrica de Salga. Cara ao fin de semana, o sábado volverá “Musigal” a Crecente cun concerto da Orquestra de Cámara Galega, ás 22.00 horas. E o domingo, “Música no Ar” levará a Covelo o quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra que actuará na Praia Fluvial de Maceira, ás 20.00 horas.

A Deputación de Pontevedra tamén ten programadas varias exposicións que poden visitarse estes días. “Tecendo a natureza” é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade,

Enrique Táboas. A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na Praza de Abastos de Mondariz. Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle ata o 1 de setembro a exhibición “8M. A palabra empoderada das mulleres”, unha obra colectiva de reivindicación feminista. Amais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra “Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza”, que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no Pazo de Liñares ata o 6 de setembro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.