Agosto deixa un incremento dun 29% en visitas á Oficina de Turismo

Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

Agosto deixa un incremento dun 29% en visitas á Oficina de Turismo

O Concello de Ribadumia informa de que as visitas á Oficina de Turismo Municipal aumentaron o pasado mes un 29% con respecto ao mesmo período do 2017.

Segundo a información facilitada pola Oficina de Turismo de Ribadumia, o mes de agosto marcou a mellor cifra de visitantes deste verán, con máis de 1500 persoas que se achegaron a solicitar algún tipo de información. Agosto afianza así a tendencia alcista de 2018, que xa vira incrementadas as cifras de visitantes durante o pasado mes de xullo con respecto ao 2017. Trátase dunha tendencia que mostra o crecente interese dos turistas por coñecer de preto o municipio e a comarca, e que ven a abalar a labor de promoción que tanto o Concello como a Mancomunidade do Salnés levan a cabo.

No tocante á súa procedencia, os datos mostran como, novamente, a maioría das visitas (o 91,2% do total) chegaron do ámbito nacional, principalmente dende a comunidade de Madrid, seguida de galegos, andaluces e vascos. En canto ao turismo internacional, Portugal e Italia continúan a situarse como principais países procedencia, probablemente debido a súa ligazón co Camiño de Santiago. E é que de novo, a maioría de persoas que se achegan pola Oficina de Turismo son peregrinos que realizan o camiño pola súa variante espiritual. Non obstante, tamén se recibiron visitas doutros países europeos como Alemaña, Bélxica ou Francia, e incluso americanos (de EEUU, Arxentina ou México) e asiáticos (China e Corea do Sur).

En canto á información máis demandada polos turistas, a Ruta da Pedra e a Auga continúa a ser o primeiro reclamo entre os que desexan coñecer a comarca, xunto coa variante espiritual do Camiño Portugués, que transcorre  durante varios quilómetros polo mesmo itinerario. Pero tamén son moitos os que se achegan para solicitar información sobre os recursos enoturísticos -sen dúbida unha das grandes atraccións do municipio- ou gastronómicos. Adegas, restaurantes, festas tradicionais, etc. espertan o interese dos visitantes e sitúan Ribadumia como un gran destino turístico.