O alcalde agradece a xenerosidade da familia de Colmeiro por ceder ao Concello parte da súa obra

Familiares de Manuel Colmeiro e o rexedor de Vigo asinaron esta mañá o contrato de cesión de 21 óleos e 145 obras sobre papel que serán expostas na Pinacoteca de xeito permanente Durante o acto, Caballero agradeceu a xenerosidade dos herdeiros do recoñecido artista por ceder gratuitamente á cidade durante dez anos unha parte deste valioso legado artístico.
Publicado por o día 17/11/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

O alcalde agradece a xenerosidade da familia de Colmeiro por ceder ao Concello parte da súa obra

A cidade e todos os seus visitantes poderán gozar na Pinacoteca da obra do “excepcional” pintor Manuel Colmeiro grazas á cesión gratuíta que veñen de asinar o rexedor e máis a filla e a neta do artista, Elena Colmeiro e Alba Corral Colmeiro, respectivamente. No acto de sinatura do acordo, ao que acudiu unha nutrida representación dos distintos movementos artísticos vigueses, Caballero asegurou que a cidade “da un paso de xigante no seu desenvolvemento cultural” e trasladoulle á familia o seu agradecemento ao ceder “un patrimonio cultural para toda Galicia de primeira magnitude”. Segundo o convenio, os herdeiros do pintor ceden gratuitamente, e durante dez anos, o uso de 21 óleos e 145 obras sobre papel (32 correspondentes á serie “Horrores da Guerra” e o resto, a diferentes temáticas).

A obra do artista estará exposta de forma permanente e exclusiva na Pinacoteca municipal Francisco Fernández del Riego. En virtude do acordo subscrito, o Concello de Vigo se fai cargo dos gastos de traslado das obras, dos seguros, da súa conservación, exposición e custodia.