O alcalde avoga por “tirar todos os muros de contención que van contra os dereitos das mulleres”

O alcalde participou esta mañá na apertura do II Salón Empresarias de Galicia onde insistiu na necesidade de levar a bandeira de igualdade en todos discursos públicos e en todos os ámbitos. No Auditorio Mar de Vigo, eloxiou ás asistentes, mulleres con “gran capacidade que conseguiron romper paredes que parecían inamovibles”.
Publicado por o día 26/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde avoga por “tirar todos os muros de contención que van contra os dereitos das mulleres”

Caballero avogou esta mañá porque “todos os que creemos na igualdade levemos esa bandeira en todos os discursos e en todas as esferas porque a igualdade non ten parcelas”. Diante dun nutrido número de empresarias de toda Galicia, amosou a súa convicción de que se van “tirar todos os muros de contención que van contra os dereitos das mulleres, da igualdade en todos os ámbitos”. Neste punto, eloxiou ás asistentes, mulleres con “gran capacidade que conseguiron romper paredes que parecían inamovibles”.

Na súa intervención no II Salón de Empresarias de Galicia organizado esta mañá no Auditorio Mar de Vigo, o alcalde felicitou ás promotoras deste evento e invitounas a que o ano que vén promovan este congreso por toda España. Con este obxectivo, Caballero animou ao resto das administracións presentes -Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Zona Franca- , ademais do propio Concello duplicar as achegas que este ano outorgaron a este evento.

Ademais da presidenta da Asociación Empresarias de Galicia, Susana Pérez, tamén estiveron presentes na inauguración oficial do salón, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e a delegada de Zona Franca, Teresa Pedrosa.