O alcalde celebra o éxito do Belén municipal que visitaron xa 21.314 persoas

“Había unha grande demanda na cidade”, apunta Abel Caballero, que valora positivamente tamén a “avalancha cidadá” para ver a iluminación de Nadal. Amais o rexedor adiantou as propostas do programa de Nadal destes días
Publicado por o día 22/12/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde celebra o éxito do Belén municipal que visitaron xa 21.314 persoas

“Había unha grande demanda na cidade”, apunta Abel Caballero, que valora positivamente tamén a “avalancha cidadá” para ver a iluminación de Nadal. Amais o rexedor adiantou as propostas do programa de Nadal destes días. 

Ata o pasado domingo, 17 de decembro, e desde a súa apertura o 30 de novembro, o Belén municipal instalado na Casa das Artes recibiu a visita de 21.314 persoas. O rexedor puxo en valor esta cifra que explica a “grande demanda que había na cidade” por contar cunha instalación destas características no período navideño. Amais, celebrou a “avalancha cidadá” que chega a Vigo para ver a iluminación das rúas e prazas.

Caballero avanzou algunhas das propostas do programa municipal de Nadal para os próximos días, comezando por este venres na rúa Teixugueiras en Navia onde haberá actividades en horario de mañá e tarde para os nenos e nenas que poderán gozar ás 17:00 horas do espectáculo “Canta connosco” de Migallas Teatro.

Mañá sábado comezan as actividades que o Concello ofrece de balde no Parque infantil “O mundo do xeo” no Auditorio Mar de Vigo e que se estenderán ata o 30 de decembro, pola mañá e pola tarde. Tamén para os máis pequenos, están pensadas as visitas do Carteiro Real a diferentes puntos da cidade; este venres en Bouzas, Praza América e Independencia.

No apartado musical, o alcalde destacou o concerto, “que será magnífico”, que ofrece a Orquestra Sinfónica de Vigo 430 hoxe ás 20:30 horas no Auditorio Mar de Vigo, interpretando a Novena Sinfonía de Beethoven. Os concertos de bandas e corais comezan a desenvolverse estes días no Auditorio Municipal. Este venres día 22 ás 20:30 horas tocan o Ateneo Musical de Bembrive e a Coral Helios de Bembrive e mañá sábado 23, á mesma hora, a Unión Musical Cabral e a Coral de Cabral.