O alcalde cita á cidadanía no Trofeo Cidade de Vigo de kárate “o evento máis importante do ano”

Caballero presentou hoxe o Trofeo Cidade de Vigo de kárate que se celebra este sábado ás 17:00 horas no Pavillón Pablo Beiro de Bouzas. Terá carácter internacional baixo o patrocinio do Concello.
Publicado por o día 01/12/2017 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Galicia,Vigo

O alcalde cita á cidadanía no Trofeo Cidade de Vigo de kárate “o evento máis importante do ano”

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente da Asociación Deportiva Zanshin, Fernando Álvarez, e os karatekas sénior Óscar Sánchez, Esther Sieiro e Ana Táboas, o rexedor animou á cidadanía a participar no evento. “É, xunto coa Festa Infantil do kárate, o evento máis importante do ano” desta disciplina, subliñou, para insistir en que “é da maior relevancia”.

Uns 80 karatecas, dende categoría infantil a sénior, participarán nas modalidades de kata (masculina e feminina) e kumite e kobudo (por equipos mixta), con presenza de finalmente nove clubs, ao confirmarse o desprazamento de deportistas do Lorenzo Parra de Madrid e do Shotokan Ribadavia (Ourense).

“É un torneo consolidado”, explicou o presidente do Zanshin, Fernando Álvarez, que lembrou que tamén competirán unha selección do Zanshin, entidade organizadora (Agrupación Deportiva Zanshin), o club Akai de Negreira (Santiago), o Mizukami asturiano, o Vila das Aves (Portugal) e as entidades deportivas locais Shotokan, Okinawa e San Salvador de Teis. Álvarez garantiu o éxito do campionato e “unha importante asistencia de público”.