O alcalde destaca a unidade dos municipios españois para recuperar o investimento do superávit

“Foi unha demanda compartida por todos os alcaldes e un logro de todos os concellos” destacou Abel Caballero. O Decreto Lei presentado este martes en Madrid polo secretario de Estado de Facenda será aprobado este mesmo mes de marzo.
Publicado por o día 07/03/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde destaca a unidade dos municipios españois para recuperar o investimento do superávit

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, destacou este mércores a unidade dos municipios españois como clave para que o Ministerio de Facenda aceptara finalmente que os concellos poidan reinvestir o superávit do ano 2017.

“Foi unha demanda compartida por todos os alcaldes e un logro de todos os concellos, pero tamén quero destaca a resposta positiva do Goberno”, sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

Na reunión celebrada o martes en Madrid, o secretario de Estado de Facenda, José Enrique Fernández de Moya, confirmou que a autorización para a utilización dos superávit desde os concellos vaise facer cun Decreto Lei que publicarase este mesmo mes de marzo, o que significa, en palabras de Abel Caballero, que “estamos nos prazos que marcaramos”.

O alcalde sinalou que co diñeiro do superávit se poderán facer investimentos en infraestruturas educativas, infraestruturas culturais, infraestruturas sociais, deportivas, en xestión de residuos, seguridade e protección civil e en equipamento de dependencias municipais.