O alcalde deulle a benvida ao novo comisario da Policía Nacional en nome de toda a cidade

Abel Caballero ratificou hoxe que Vigo é unha cidade segura durante a toma de posesión do novo xefe da Policía Nacional, Manuel Teijeiro Sande, nun acto no que puxo en valor a función deste corpo de seguridade así como a cooperación absoluta do Concello coa súa labor na cidade.
Por o 27/01/2017 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
O alcalde deulle a benvida ao novo comisario da Policía Nacional en nome de toda a cidade

O alcalde iniciou a súa intervención na toma de posesión do novo xefe da Policía Nacional, Manuel Teijeiro Sande, dándolle unha “calorosa” benvida a Vigo no nome de toda a cidade . Transmitiu a súa “honra por estar aquí porque toda a cidade querería hoxe trasladarlle afecto e agarimo”. Logo de eloxiar a traxectoria e a experiencia profesional do novo comisario xefe, vaticinou “eficacia e profesionalidade” na labor que vai desenvolver ao fronte da Policía Nacional de Vigo

Caballero ratificou que Vigo é unha cidade segura, con cidadáns que “senten sosego cando ven a un axente policial nas rúas”. Eloxiou o traballo do Corpo “tanto nas tarefas máis rutineiras como nos momentos máis difíciles porque sabemos o traballo que facedes”. Neste punto quixo lembrar á axente Vanessa Lage, falecida nun acto de servizo na nosa cidade. Rematou insistindo na cooperación absoluta do Concello coas forzas de seguridade, os xuíces e os fiscais.

No acto tamén estiveron presentes o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, e o xefe superior da Policía Nacional de Galicia, Manuel Vázquez López, entre outras autoridades e membros de distintos corpos das forzas de seguridade do Estado.