O alcalde eloxia o labor de “Unha bici, un sorriso” con máis de 1.300 bicicletas recollidas

O programa solidario impulsado pola asociación A Golpe de Pedal e o Concello recolle bicicletas en desuso que se poñen a punto para seren entregadas a familias con poucos recursos. Funciona todo o ano pero no Nadal faise unha entrega especial.
Por o 21/12/2016 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
O alcalde eloxia o labor de “Unha bici, un sorriso” con máis de 1.300 bicicletas recollidas
Compartir en:

Abel Caballero presentou este mércores unha nova edición da campaña “Unha bici, un sorriso” que promove o Concello e a asociación A Golpe de Pedal e que cualificou como “gran iniciativa solidaria”. Así, chamou á cidadanía viguesa a que doe as bicicletas que non use para que se poidan arranxar e entregar a familias da cidade que as precisen para os seus cativos. Poden informarse no teléfono municipal 010.

O rexedor explicou que, dende o inicio do programa, xa se teñen recollido máis de 1.300 bicicletas das que se repararon un 80% e o resto foron empregadas para reutilizar as pezas. Ao longo do ano o Concello doa ás familias entre 60 e 70 bicicletas aínda que no Nadal faise unha entrega máis especial coincidindo coa celebración dos Reis Magos.

No proxecto cooperan nestes momentos 15 tendas viguesas: Anca, Biciocon, Bicitotal (Coruxo e Travesas), Cero Emisiones, Cromoly, Duranbike, Galicia en Bici, Gonzalo Aguiar, Máis que bicis, Nbike, SportPAsion, Trek, VigoBike e Xtrembike, que amais de encargarse das reparacións funcionan como punto de recollida das doazóns.

Na presentación participou tamén Alejandro Costa, de A Golpe de Pedal, quen agradeceu a colaboración do Concello, logo de cinco anos, e a participación das tendas que asumen os gastos dos arranxos. Aínda que “Unha bici, un sorriso” está aberta todo o ano, no Nadal queren facer fincapé na importancia das doazóns para que “todos os nenos poidan ter o seu agasallo o día de Reis”.

Ademais, a entidade entregoulle unha carta ao alcalde manifestándolle o seu desexo de “seguir traballando xuntos” e solicitándolle cooperación para “mellorar as infraestruturas ciclistas da cidade” para que sexa “amable para a mobilidade” en bicicleta como un medio sustentable e saudable.