O alcalde eloxia os proxectos gañadores da segunda edición dos premios Spin Off Galicia

Abel Caballero participou esta mañá no acto de entrega dos premios Galicia Spin Off. Nesta segunda edición, os galardóns outorgados polo Banco Pastor e G Ciencia recoñeceron os proxectos de AllGenetics e Galchimia.
Publicado por o día 10/10/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O alcalde eloxia os proxectos gañadores da segunda edición dos premios Spin Off Galicia

As empresas Galchimia e AllGenetics foron as galardonadas na segunda edición dos premios Galicia Spin Off. O rexedor, no acto de entrega ademais de felicitar e eloxiar os proxectos gañadores, enfatizou o potencial da investigación da Universidade e das empresas locais. Estes galardóns recoñecen o traballo que en materia de innovación desenvolven empresas nacidas no seo da universidade nas categorías de idea emerxente e selo de calidade.

Caballero pechou o acto cun discurso no que explicou que nos últimos dez anos houbo cambios esenciais na tecnoloxía e polo tanto tamén na organización das empresas. Destacou que os Premios Galicia Spin-off permiten recoñecer a aqueles que cos seus coñecementos lograron poñer en marcha unha empresa e lembrou o papel xogado polas primeiras facultades viguesas na construción do tecido empresarial da cidade.

No apartado de Idea Emerxente, que premia a iniciativa máis innovadora, a gañadora foi AllGenetics, unha empresa creada en 2011, especializada na área do xenoma e vinculada á Universidade de A Coruña. Entre os seus méritos figura ser a primeira empresa do mundo que pon as técnicas de análise do xenoma ó servizo de empresas do sector de Ecotoxicoloxía. A súa tecnoloxía permite verificar con moita maior fiabilidade cales son as especies test que se empregan nos laboratorios para avaliar o impacto no medio ambiente de produtos químicos potencialmente tóxicos. O carácter innovador deste servizo permitelles contar con grandes expectativas comerciais a medio prazo.

Nesta mesma categoría a finalista foi Lupeon, empresa dedicada á impresión 3D baixo demanda creada en 2013 por dous alumnos da Universidade de Vigo. Na súa corta existencia a empresa xa desenvolveu proxectos para o sector da automoción, aeronáutico e sanitario, entre outros, e ten unhas importantes expectativas de crecemento. A empresa naceu en Ordes pero está a trasladarse a Nigrán onde afrontará unha nova etapa da súa vida empresarial.

No apartado Selo de Calidade, que distingue á empresa innovadora máis consolidada, a gañadora deste edición foi a compostelá Galchimia, unha compañía que neste mes de outubro celebra os 15 anos de existencia. Foi creada por dous químicos procedentes da Universidade de Santiago, que ao longo dos anos conseguiu converterse en líder español no sector de Química Orgánica Sintética. Galchimia prové de servizos de análise, síntese e desenvolvemento de procesos ás industrias química farmacéutica, veterinaria, agrobiotecnolóxica e biotecnolóxica para o descubrimento e desenvolvemento de novos fármacos. Nos últimos anos Latinoamérica pasou a ser nun mercado importante para a compañía, aínda que un 75% dos seus ingresos aínda depende da liña de investigación baixo contrato.