O alcalde enxalza o orzamento co que “seguiremos a transformación da cidade”

Para Abel Caballero o presuposto de 2017 é “magnífico e o máis importante da historia” e servirá para continuar coas humanizacións, os parques infantís, o apoio ao deporte e a creación de emprego.
Publicado por o día 28/12/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O alcalde enxalza o orzamento co que “seguiremos a transformación da cidade”

Tras a aprobación do orzamento de 2017 no Pleno Municipal, o rexedor puxo en valor que estea en prazo “como corresponde” para que poida entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2017 e cualificouno como o “máis importante da historia da cidade” porque “fará moito en favor da cidadanía viguesa” que, engadiu, “saben que gobernamos para eles”.

Caballero sinalou que o contido do presuposto é “magnífico” ao continuar coas humanizacións, cun número singular de parques infantís novos na cidade, con novas instalacións deportivas e “soamente nisto, é un gran orzamento de xeración de emprego” porque as obras, apuntou, serven para crear postos de traballo.

Así, afirmou que o seu goberno segue coa “revolución de transformación da cidade que é o que a cidadanía quere que fagamos” e engadiu algunhas das propostas de mellora do documento como o incremento de 250 bolsas para alumnado de inglés, as bolsas comedor, os cheques sociais, os gastos de emerxencia, a dedicación ao albergue ou as axudas a comedores sociais que “sen o Concello non poderían sobrevivir”, apuntou, a acción do Vigo Vertical coa instalacións de ascensores, rampas e escaleiras mecánicas “que tanto agradecen os cidadáns” e referiuse á acción global no deporte onde “duplicaremos neste mandatos o presuposto”.

Ademais, o alcalde rexeitou o contido dalgunhas das alegacións dos grupos da oposición ao documento orzamentario poñendo como exemplo as propostas de eliminación de bolsas de inglés, de eliminación do pago da enerxía eléctrica dos pavillóns e campos de fútbol para a práctica de deporte, a baixada da promoción cultural, a retirada da UNED de Vigo ou as medianeiras e sinalou que o Concello tampouco debía “suplir os gastos” que lle corresponden á Xunta na atención a familias ou na subvención á Universidade, tal e como recollían as emendas.