O alcalde esixe á Xunta responsabilidades pola “catastrófica” xestión no control de visitantes ás Cíes

Caballero esixiu responsabilidades ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, polo caos que se rexistrou onte na cidade con miles de persoas “tiradas” en terra pola sobrevenda de billetes ás Cíes. Cualificou de “catastrófica” a xestión da Xunta, administración competente no control de afluencia de público e das navieiras.
Publicado por o día 21/08/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde esixe á Xunta responsabilidades pola “catastrófica” xestión no control de visitantes ás Cíes

O alcalde criticou esta mañá a “neglixencia” da Xunta no control da afluencia de viaxeiros ás Illas Cíes logo de que preto de 3.000 persoas quedaran “tiradas” no medio da Ría nos barcos de debían trasladalos ao Parque Natural. Caballero defendeu a cota de 2.200 visitantes de rotación e 800 persoas no cámping porque é o xeito de garantir a pervivencia deste enclave natural, pero cualificou o feito de onte “intolerable” xa que se tomou a peor das decisións: deixar aos pasaxeiros parados no medio da Ría.

En declaracións aos medios, Caballero non aforrou críticas ás navieiras “que actuaron fatal” pero lembrou que o control das mesmas e da afluencia de visitantes ao Parque Natural é responsabilidade exclusiva da Xunta. Na súa opinión, hai que traballar preventivamente para evitar o sobredimensionamento de visitantes e a sobrevenda. As portadas dos xornais de hoxe luns, con miles de persoas “enfadadísimas” e despois de ser expostas a situacións perigosas son a peor campaña de promoción das Illas Cíes e do turismo de Vigo. “É imposible facerlles máis dano, estragando o traballo de moitos anos de promoción deste enclave. O rexedor esixiu ao presidente da Xunta explicacións por unha xestión que causou un inmenso dano á imaxe do Parque e da cidade.