O alcalde falará do modelo Pontevedra en Elx, en pleno debate sobre o proxecto de avance da peonalización na cidade

Convidado polo Instituto d´Estudis Comarcais del Baix Vinalopó, manterá tamén un encontro co alcalde
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

O alcalde falará do modelo Pontevedra en Elx, en pleno debate sobre o proxecto de avance da peonalización na cidade

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores será o protagonista hoxe, 25 de xaneiro, dunha conferencia-coloquio sobre o modelo urbano en Elx. O Instituto d´Estudis Comarcals del Baix Vinalopó (IECBV) convidouno co fin de coñecer polo miúdo os pasos dados para transformar dun xeito radical, e con éxito, a cidade do Lérez.

“Menos coches, máis cidade” é o título da conferencia que o alcalde impartirá na sede da Fundación Caja Mediterránea de Elx, a partir das 20.00 horas.O IECBV decidiu convidar a Fernández Lores cando está de plena actualidade en Elx o debate sobre o proxecto municipal de avanzar na peonalizacion do centro e potenciar o uso das marxes do río para uso deportivo e lúdico.

A axenda do alcalde en Elx ten máis citas, pola mañá (a partir das 10.30 horas) fará unha visita guiada ao centro histórico da cidade para coñecer in situ o espazo que se quere peonalizar e no que estaba previsto a construción dun aparcamento. Neste percorrido Lores estará acompañado por membros da Instituto anfitrión e da Plataforma Salvem el Mercat (edificio que desaparecería co novo estacionamento). Ademais tamén percorrerá a zona vencellada á representación da Festa-Misteri d´Elx (rúa Maior, Santa María, etc.). A visita será un intercambio de impresións tomando como referencia o modelo Pontevedra. Tamén está previsto que manteña entrevistas e contactos cos medios locais.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas, o alcalde de Pontevedra será recibido oficialmente polo alcalde de Elx, Carlos González, no Concello. Na recepción haberá tempo para intercambiar impresións sobre o que ten (ou non) que ser unha cidade.

Dúas horas máis tarde, ás 20.00 horas, será o momento da conferencia-coloquio na que os promotores, o Institut d´Estudis Comarcals del Baix Vinalopó agarda unha alta participación.

O IECBV e unha entidade que traballa a prol da promoción, coñecemento e recoñecemento da cultura propia da comarca do Baix Vinalopó e da defensa do seu patrimonio. Ademais reivindica a comarca fronte a outras circunscricións administrativas como a provincia.