O alcalde felicita ao Rápido de Bouzas pola súa tempada “estelar” e ratifica o apoio ao club

O Concello de Vigo seguirá a apoiar ao Rápido de Bouzas nesta próxima tempada, cando o equipo xogará en 2ª B. Así llo trasladou hoxe mércores na recepción oficial organizada para felicitar aos directivos e aos xogadores dun equipo que vén de realizar unha tempada “brillante”
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de Concello de Vigo,Deportes,Fútbol

O alcalde felicita ao Rápido de Bouzas pola súa tempada “estelar” e ratifica o apoio ao club

O Concello de Vigo seguirá a apoiar ao Rápido de Bouzas nesta próxima tempada, cando o equipo xogará en 2ª B. Así llo trasladou hoxe mércores na recepción oficial organizada para felicitar aos directivos e aos xogadores dun equipo que vén de realizar unha tempada “brillante”. 

O alcalde felicitou aos directivos e aos xogadores do Rápido de Bouzas polo seu “brillante” ascenso a 2ªB, logo dunha tempada “estelar”. Na recepción oficial organizada esta mañá na Alcaldía, Caballero reiterou o seu compromiso co futuro do club que tamén conta cun proxecto de fútbol base con máis de 300 nenos e nenas.

Na actualidade, detallou o rexedor, o Rápido de Bouzas xa está a recibir apoio municipal por valor de 99.000 euros, dos que 28.000 proceden dunha subvención directa, 20.000 euros, de gastos de mantemento do campo Baltasar Pujales e 24.000, de gastos de luz. Outros 27.000 euros son abonados en forma de canon á Autoridade Portuaria polo estadio, situado sobre un recheo en terreo portuario. A este respecto, o alcalde reiterou a petición que lle fixera hai un ano ao Porto de eliminar ese canon e o Concello lle outorgaría ese mesmo importe á entidade deportiva.

O primeiro edil puxo en valor a implicación do goberno local coa actividade deportiva na cidade e criticou a falta de compromiso da Xunta de Galicia “que non se pode inhibir do deporte de Vigo”. Instou ao goberno autonómico a apoiar ao Rápido de Bouzas e ao Coruxo coa mesma cantidade coa que o fai o Concello.