O alcalde garante que “a auga de Vigo é potable e non deixou de selo en ningún momento”

Novas análises realizadas esta mesma mañá, segundo informou Abel Caballero, ratifican que a auga é “potable ao 100%”. Reitera o rexedor que a concesionaria efectúa analíticas cada catro horas e a auga cumpre con todos os parámetros de potabilidade
Publicado por o día 12/12/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde garante que “a auga de Vigo é potable e non deixou de selo en ningún momento”

Novas análises realizadas esta mesma mañá, segundo informou Abel Caballero, ratifican que a auga é “potable ao 100%”. Reitera o rexedor que a concesionaria efectúa analíticas cada catro horas e a auga cumpre con todos os parámetros de potabilidade. 

Abel Caballero trasladou este martes que as novas analíticas realizadas esta mesma mañá pola concesionaria Aqualia, “igual que as que fixeron onte”, poñen de relevo que a auga de Vigo é “potable ao 100%”, cumprindo todos os parámetros.

“A auga de Vigo é potable e non deixou de selo en ningún momento”, aseverou en rolda de prensa Abel Caballero, quen engadiu que aqueles que sementan “dúbidas” sobre a potabilidade da auga na cidade terán que explicarse.

O alcalde vigués reiterou que a empresa concesionaria efectúa analíticas na auga cada catro horas, que son remitidas á Xunta de Galicia, e os resultados revelan que se cumpren todos os parámetros de potabilidade.

Tras as chuvias deixadas nos últimos días pola borrasca “Ana”, o encoro de Eiras está preto do 75% da súa capacidade, o que asegura subministro para seis meses. Caballero explicou que, salvo no verán, Eiras non pode superar o 77,7% do seu volume para poder facer fronte a episodios de fortes chuvias.

Con todo, Caballero certificou a necesidade de executar o transvase de emerxencia desde o río Verdugo, porque “nada asegura que cheguemos ao comezo do verán co encoro cheo”. A plena capacidade, Eiras ofrece subministro para seis meses, mais “queremos unha solución estable” que garanta auga para ata dous anos. Esta demanda xa fóra solicitada por Caballero no 2011, ano da ultima seca, e a Xunta de Galicia “non fixo nada” pese a ser a súa “competencia e obrigación”, pois o encoro vigués subministra a outros nove concellos da área metropolitana viguesa.