O alcalde pide “explicacións” á Xunta por non ter adoptado medidas que evitasen o caos nas Cíes

Abel Caballero denuncia o perigo da decisión tomada pola Xunta de impedir o desembarco dos pasaxeiros nas Illas e o dano causado á cidade e á súa economía. Amais, anuncia a presentación dunha moción para esixir responsabilidades á Xunta de Galicia que ten todas as competencias no transporte e protección do arquipélago.
Publicado por o día 22/08/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde pide “explicacións” á Xunta por non ter adoptado medidas que evitasen o caos nas Cíes

O rexedor acusou á Xunta de Galicia de ser coñecedora da sobrevenda de billetes ás Illas Cíes “dende hai máis dun dano” e criticou que non se anticipase aos feitos e controlase a venda dos tíckets por parte das empresas para impedir a saturación da Illa. Actuou “da noite á mañá da peor forma posible: prohibindo desembarcar. Tiñan que ter adoptado medidas antes para evitar que acontecera isto”, sentenciou.

Caballero cualificou a actuación da Xunta como “lamentable, caótica e tremenda” ocasionando un “risco para as persoas, danando gravemente a imaxe das Illas Cíes, causando dano á economía turística de Vigo e de Galicia, danando aos cidadáns que foron enganados polas empresas e xerando un caos total”, polo que esixe “explicacións políticas de forma inmediata”.

Reprobando a actuación das empresas e aludindo ao perigo de ter a centos de viaxeiros en barco na ría sen poder desembarcar, o rexedor apuntou que a Xunta tampouco permitiu que accedese á Illa o persoal municipal do servizo de Salvamento da Praia de Rodas; “se hai un incidente na praia, quen responde?, preguntábase. “Atrévome a dicir que durante anos non fixeron nada, amosando unha absoluta incapacidade, desentendéronse do problema que eles mesmos dicían que estaba sucedendo”, acusou o rexedor, quen lle esixe ao goberno autonómico que se cumpra a limitación de visitantes “establecendo sistemas informáticos” como nos campos de fútbol ou en calquera espectáculo. Un sistema, afirma, “que está inventado”.

Ademais, o alcalde adiantou que o goberno municipal presentará no próximo Pleno unha moción para esixir responsabilidades e explicacións á Xunta pola “nefasta actuación” e apuntou que o Concello continúa coa promoción das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Así, a próxima semana entrará en funcionamento en Madrid a decoración e vinilado do túnel que une a estación de autobuses sur coa de metro, por onde pasan, dixo, 25 millóns de persoas ao ano, mentres “a Xunta de Galicia se dedica a degradar o nome das Cíes”.