O alcalde pide á Xunta rebaixar á metade os prezos das escolas infantís, ao nivel das municipais

No transcurso dunha visita á EEI Vila Laura, Abel Caballero manifestou que o prezo máximo a abonar polos usuarios das escolas infantís da Xunta de Galicia ascende a 243 euros -despois de incrementar o prezo este ano nun 3,2%-, mentres que as do Concello teñen un coste tope de 124 euros.
Publicado por o día 16/05/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O alcalde pide á Xunta rebaixar á metade os prezos das escolas infantís, ao nivel das municipais

“Insto á Xunta de Galicia a que poña os prezos das súas escolas infantís á metade de prezo, como os do Concello”. Caballero pediu ao goberno autonómico unha rebaixa das tarifas, tras recordar que este ano as incrementaron nun 3,2%, mentres que as municipais continuaron conxeladas un ano máis.

O Concello de Vigo dispón de 620 prazas nas oito escolas da rede municipal de escolas infantís, con prezos conxelados “practicamente desde que eu son alcalde”, aseverou Caballero. A metade das familias con praza nos centros municipais non pagan nada, seguindo os criterios de renda estipulados pola administración viguesa.

Dependendo dos ingresos das familias, apuntou Caballero, os beneficiarios das prazas do Concello poden quedar exentos de pago ou abonar ata un máximo de 124 euros, “a metade” do tope das escolas da Xunta de Galicia, onde o pago pode acadar os 243 euros.