O alcalde recoñece e agradece a “gran mobilización solidaria” da cidadanía viguesa ante os incendios

Abel Caballero explicou este luns que os efectivos municipais seguen na rúa realizando tarefas de prevención para evitar que se reactiven lumes e deu conta das intervencións realizadas o domingo, xornada na que catrocentas persoas tiveron que ser desaloxados das súas vivendas.
Publicado por o día 16/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde recoñece e agradece a “gran mobilización solidaria” da cidadanía viguesa ante os incendios

Segundo expuxo o rexedor na súa comparecencia, os equipos municipais de Bombeiros e Policía Local están hoxe atendendo todas as zonas vixiando que non se reactiven os lumes. Ás 10 horas desta mañá, permanecían activos dous focos en zonas forestais non habitadas do Monte Alba e do Galiñeiro, amais, os bombeiros interviñan en Alcabre, Coruxo, Zamáns, A Madroa, Freixo, Fragoselo, en Roteas, nunha casa co lume preto, malia que eran “focos de moi pouca consideración”, xa que durante a noite do domingo extinguíronse os máis importantes e quedaron “todos controlados”.

O alcalde sinalou que “seguimos en acción total, na prevención e evitando a reactivación dos lumes” con todos os efectivos de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local na rúa, coa situación “controlada”. Así, salientou que a cidadanía viguesa amosase un “apoio solidario inconmensurable, extraordinario”, actuando nos pequenos focos antes da chegada dos bombeiros, tal e como relatou que acontecera no barrio de Navia. “Vigo fixo unha gran mobilización solidaria e activa que lle quero recoñecer e agradecer no nome de toda a cidade”.

O rexedor expuxo que, ao longo do domingo, os bombeiros municipais interviñeron nun “número inconmensurable de incendios” en diferentes zonas da cidade: CUVI, Zamáns, Monte Alba, Monte Cepudo, Fragoselo, Freixo, Matamá Balsa, San Cosme, San Andrés de Comesaña, Sobreira, Clara Campoamor, VG-20, Vilar, Matamá, Camposancos, Roteas, Monte del Castro, Plaza España, Avenida de Europa, Navia, Parque da Bouza, Molinos, Espedrigada, Fonte Oscura, San Paio e Areeiro.

Os lumes provocaron o desaloxo de 400 persoas das súas casas, 200 delas foron levadas a varios hoteis (Axis, Ciudad de Vigo, Bahía de Vigo, Hotel Atlántico e Hotel México) para pasar a noite. Amais, onte domingo o Concello desocupou o mercadiño de San Cosme, a residencia de estudantes do CUVI e vivendas en Zamáns, Fragoselo, Freixo, Matamá Balsa, San Andrés de Comesaña e Navia vella.

Ao longo da xornada do domingo interviñeron 110 efectivos da Policía Local con 35 persoas de reforzo, 80 efectivos de bombeiros e 40 de Protección Civil, 10 vehículos de bombeiros con 10 alxibes de FCC e Aqualia, que permitiron unha “grande capacidade de acción”, así como 48 coches, 18 motocicletas, 30 todoterreos, turismos e furgonetas, e 6 autobuses de Vitrasa para evacuar as zonas. De madrugada, abriuse o CEIP Tintureira en Coruxo para dar acubillo a persoas que non querían marchar da zona para un hotel.