O alcalde reitera que o problema da auga na área de Vigo é de cantidade e esixe á Xunta o trasvase de emerxencia

O Concello agarda resposta desde hai un mes ao acordo acadado coa Xunta para executar o transvase de emerxencia desde o río Verdugo á rede de auga de Vigo e área metropolitana, que pagaría a cidade no seu 80%. Caballero incidiu en que a agua é potable e de calidade; a cuestión da auga en Vigo é de subministro
Publicado por o día 20/02/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde reitera que o problema da auga na área de Vigo é de cantidade e esixe á Xunta o trasvase de emerxencia

Abel Caballero criticou este martes que a Xunta de Galicia continúe sen dar resposta ao convenio acordado co Concello para executar un transvase pola vía de emerxencia desde o río Verdugo ata o encoro de Eiras -que subministra a Vigo e outros nove concellos da área metropolitana-, medida decidida por ambas administracións para evitar problemas de subministro de auga no caso dunha seca como a vivida hai uns meses.

O alcalde recordou que o Concello de Vigo, segundo o convenio, abonaría o 80% dunha obra de 6,6 quilómetros e 6 millóns de euros de investimento. O goberno de Vigo aprobou o texto do acordo o pasado 28 de decembro, o 4 de xaneiro enviou a aprobación á Xunta e o 25 de xaneiro, o convenio asinado. Un mes despois, “seguimos sen resposta”, anotou.

No tocante ao subministro de auga, Abel Caballero comparou a actuación da Xunta de Galicia en Vigo e na Coruña, onde pola contra o goberno autonómico, o 3 de abril de 2014, declarou de interese galego unhas obras de captación no lago de Meirama -que abastece á urbe herculina- cun investimento da Xunta de Galicia de case dous millóns de euros.

O rexedor vigués insistiu en que o problema da auga en Vigo e na súa área metropolitana é de subministro, de cantidade, pois os “centos” de análises efectuadas nos meses de decembro e xaneiro revelan a potabilidade da auga e a súa calidade.

Por último, Abel Caballero recordou que Vigo leva abonados desde 2012 un total de 30,5 millóns de euros a Augas de Galicia, “en suma, á Xunta de Galicia”, en concepto de canon da auga: “¿en qué se usan? Porque en Vigo non hai nin un so investimento en abastecemento e saneamento desde a Xunta de Galicia”, pois, segundo apuntou Caballero, a Xunta recuperará a súa achega á depuradora de Vigo, con “xuros incluidos”.