O alcalde salienta que o aeroporto de Vigo sexa “o que máis creceu de Galicia en xuño”

Caballero pon en valor a traxectoria da terminal viguesa que se atopa “en pleno funcionamento e conectando a cidade como nos gusta” con 20 rutas dispoñibles, oito delas internacionais.
Por o 13/07/2017 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O alcalde salienta que o aeroporto de Vigo sexa “o que máis creceu de Galicia en xuño”

O aeroporto de Vigo rexistrou o pasado mes de xuño un crecemento de case dun 15%, fronte á suba do 6% da Coruña e o 9% de Santiago. O rexedor destacouno como “o que máis creceu de Galicia e dos que máis creceron en España”, acumulando ao longo deste 2017 un aumento do 10% na súa actividade.

Coa conexión de Vigo con 20 rutas, oito delas internacionais, Abel Caballero apuntou que a terminal olívica está “recuperada, camiño do millón de viaxeiros e en pleno funcionamento conectando a cidade como nos gusta”. Con todo, incidiu en que o proceso require permanencia e “seguiremos na recuperación de forma constante, sen desmaiar”. Engadiu que no caso de Oporto, o aeroporto precisou entre 15 e 20 anos para acadar bo nivel de actividade e que Vigo precisará tamén “uns anos” podendo aspirar a ser “o de máis tráfico de Galicia”.