O alcalde salienta a “senda de crecemento imparable” do aeroporto de Vigo

No mes de outubro, a terminal viguesa medrou un 27% no número de pasaxeiros, fronte ao 8% rexistrado en Santiago e A Coruña e, durante os primeiros dez meses deste ano, o incremento situouse nun 36%. A tenor dos datos, o rexedor reclama á Xunta “o apoio que merece” a terminal viguesa.
Por o 15/11/2016 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
O alcalde salienta a “senda de crecemento imparable” do aeroporto de Vigo

Abel Caballero valorou positivamente este martes os datos de actividade do aeroporto vigués no mes de outubro, cando rexistrou un incremento do 27% no número de pasaxeiros, fronte ao 8% de suba de Santiago e A Coruña. No período que transcorre dende xaneiro ata outubro Peinador subiu un 36%.

Para o rexedor estes datos amosan que a terminal “segue a súa senda de crecemento imparable” e vai camiño de alcanzar o millón de viaxeiros. Con todo, declarou que existe un factor “significativo” para que non se chegue a esa cifra, isto é, o feito de que os voos do Imserso son levados maioritariamente ao aeroporto de Santiago, a instancias do Goberno central e da Xunta de Galicia. Isto supón, en opinión de Caballero, un “serio problema de desatención ás persoas da terceira idade” xa que, favorecendo a Santiago e dándolle comodidade á súa cidadanía, “degrádanse notablemente as condicións de utilización dos cidadáns de Vigo” que deben ir por medios propios ata Pontevedra e logo continuar ata Santiago. Así, considera que “cos tempos de espera que teñen, xa estarían en destino se saíran de Vigo” e este feito está provocando que algúns usuarios estean renunciando ás viaxes para maiores.

Así mesmo, o alcalde instou a Feijóo e ao seu goberno a que teñan en consideración que o “aeroporto de Vigo é o que máis capacidade ten de xerar viaxes” polo que “é imprescindible” que tomen conciencia da súa importancia e que o apoien “como se merece”.