O alcalde saúda con entusiasmo a posta en marcha da I Ruta de Turismo Industrial de Vigo

“Vigo Pesqueiro”, impulsada por Fundamar e ARVI conta coa cooperación do Concello de Vigo para dar a coñecer o patrimonio da ría de Vigo e o traballo das xentes do mar e das industrias contribuíndo a “potenciar a nosa imaxe de marca”, tal e como apuntou Abel Caballero.
Por o 25/10/2016 | Sección: Concello de Vigo,Naval,Turismo,Vigo
O alcalde saúda con entusiasmo a posta en marcha da I Ruta de Turismo Industrial de Vigo

O rexedor participou este luns na presentación da primeira ruta de turismo industrial “Vigo pesqueiro” que estará operativa no mes de novembro na cidade con visitas a barcos pesqueiros, lonxas, bancos marisqueiros e buques oceanográficos e que poñen en marcha Fundamar, ARVI, os sindicatos UXT e CCOO, co apoio do Concello de Vigo.

Caballero aludiu á longa tradición de Vigo no traballo do mar e de creación de industria pesqueira e marisqueira, o que lle confire ao noso turismo un sinal de identidade diferente, polo que saudou “con entusiasmo” o desenvolvemento desta ruta que servirá para “potenciar a nosa imaxe de marca” ao dar a coñecer a nosa forma particular de entender a cultura, a cidade e o entretemento, felicitando a Fundamar, a ARVI e á Autoridade Portuaria como principais impulsores do proxecto. Ademais Caballero salientou o valor económico do turismo que cada vez máis “está amosando a súa capacidade de xeración de emprego e de valor engadido” e que funciona como elemento “inigualable” de unión entre os pobos.

A primeira Ruta de Turismo Industrial “Vigo pesqueiro” comeza a funcionar no mes de novembro achegando aos visitantes ao patrimonio da ría de Vigo e ao traballo das xentes do mar así como o labor que desempeñan os institutos de investigación e formación.