O alcalde urxe á Xunta medidas para garantir o subministro de auga en Vigo e á súa área

Abel Caballero volveu este xoves demandar á Xunta de Galicia a rebaixa do caudal ecolóxico dos encoros -con volume para 73 días- e o inicio do trasvase do Verdugo ao Oitavén para asegurar o abastecemento en Vigo e área metropolitana. O alcalde denunciou que a Xunta si adoptou medidas na Coruña que nega na cidade olívica.
Por o 23/11/2017 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
O alcalde urxe á Xunta medidas para garantir o subministro de auga en Vigo e á súa área

Este xoves, o alcalde recordou o aforro de auga “importantísimo” acadado polos concellos, empresas e cidadanía da área de Vigo, dun 7,31% desde outubro e dun 12,6% máis desde o 2011. Caballero louvou o “esforzo titánico” de municipios e cidadáns para conseguilo.

O alcalde volveu esixir á Xunta de Galicia que asuma a súa “competencia e obriga” e garanta o subministro a Vigo e os concellos do entorno, rebaixando o caudal ecolóxico dos encoros a 150 litros por segundo e iniciando a construción do trasvase desde o río Verdugo ata o Oitavén. Estas actuacións foron demandadas por todos os alcaldes e alcaldesas da área de Vigo que perciben auga de Eiras e Zamáns, nunha reunión convocada por Caballero para a tarde de onte mércores e á que non asistiron os rexedores de Mos, Soutomaior e Redondela, gobernados polo PP.

Co volume actual, indicou o alcalde, a auga embalsada dará servizo durante 73 días sempre e cando a Xunta de Galicia autorice a rebaixa do caudal ecolóxico solicitada polo Concello o pasado 18 de outubro. Este dato sitúa á cidade próxima a entrar na fase de escasez severa, un escenario “nunca visto aquí”, que conlevaría unha “reducción significativa adicional” do consumo.

Á solicitude de Vigo do 18 de outubro de rebaixar o caudal ecolóxico, tal e como autorizara na seca de 2011, o goberno autonómico contestou un mes máis tarde, censurou Caballero, e para subir a cantidade desaugada dos encoros ata os 595 litros por segundo.

A Coruña
O alcalde de Vigo apuntou que a Xunta de Galicia acordou onte coa empresa de augas da Coruña o bombeo de auga do lago de Meirama ao encoro de Cecebre, co obxectivo de “impedir que siga baleirándose”. Ao efecto, o goberno autonómico adicou dous millóns de euros no ano 2014 para iniciar a construción desta infraestrutura de captación.

Caballero manifestou que está “moi ben feito” o acordado para a comarca herculina -“é o que teñen que facer”, apuntou- mais denunciou que “na Coruña toman unhas decisións e en Vigo, outras”. O alcalde vigués recordou que a Xunta de Galicia comprometera o trasvase para mellorar o subministro de auga á area metropolitana de Vigo no ano 2011, obra que continúa pendente de execución.