O alcalde ve no informe Parejo a vía “axeitada e con seguridade xurídica” de ter o PXOM en vigor

Concello e colexios de Arquitectos e Arquitectos Técnicos teñen unha visión “coincidente”, valorou Caballero este xoves, sobre a opción proposta polo prestixioso xurista Luciano Parejo para cumprir a sentencia anulatoria do Plan Xeral de 2008, que pasaría por un novo informe ambiental elaborado pola Xunta.
Por o 01/09/2016 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
O alcalde ve no informe Parejo a vía “axeitada e con seguridade xurídica” de ter o PXOM en vigor

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tras terse reunido este xoves cos responsables dos nomeados colexios profesionais, manifestou que “se constata unha visión xeral” da administración viguesa, dos técnicos e dos empresarios en que “a vía máis conveniente” para contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal en vigor é seguir o criterio de Luciano Parejo.

O prestixioso xurista elaborou un documento que sinala que un novo informe autonómico de inviabilidade ambiental daría cumprimento á sentencia do Supremo que conlevou a anulación do Plan de 2008 e faría posible ter a mesma planificación urbanística en vigor “en aproximadamente seis meses”, segundo asegurou Caballero, “e con seguridade xurídica, en opinión dos técnicos”. O ditame de Parejo afirma que as decisións tomadas polo Concello de aprobación do PXOM son eficaces unha vez corrixidos os defectos da avaliación ambiental da Xunta de Galicia. Outra opción, engadiu o rexedor, sería elaborar un novo Plan Xeral desde cero, o que “non estaría exento de ser recorrido”.

Caballero manifestou que a opinión dos arquitectos, dos arquitectos técnicos e dos empresarios é “coincidente” coa do Concello sobre como proceder no tocante ao Plan Xeral: “consideramos que é unha vía impecable, correcta, axeitada, con seguridade xurídica e que resolve os problemas que produciu a sentencia, e a vía elixida é a execución da sentencia” do Tribunal Supremo.

O alcalde de Vigo concluíu que recuperar a vixencia do Plan Xeral “sería bo para o emprego e a marcha da cidade, e tamén para a Xunta de Galicia, porque lles evita posibles reclamacións patrimoniais”.