Alcaldes da provincia reclaman á Xunta de Galicia un fondo de cooperación municipal para atender as necesidades cidadás

Abel Caballero trasladoulles aos rexedores de Pontevedra o acordo técnico acadado entre a FEMP e o Ministerio de Facenda que lle permitirá aos concellos unha maior capacidade de gasto para atender as demandas poboacionais.
Publicado por o día 01/08/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Alcaldes da provincia reclaman á Xunta de Galicia un fondo de cooperación municipal para atender as necesidades cidadás

Durante o encontro mantido esta tarde en Vigo con alcaldesas e alcaldes socialistas da provincia de Pontevedra, Abel Caballero compartiu a demanda conxunta de maior financiamento local. “Pedimos máis fondos do Estado para os municipios e cremos que as Comunidades Autónomas, entre elas Galicia, a comunidade menos municipalista de España teñen que establecer un fondo de acción municipal para financiar os concellos de forma notable procurando a cooperación entre as institucións. A Xunta non o fai nestes momentos pero a Constitución manda”.

Así, os rexedores acordaron facer unha reclamación conxunta para que o Goberno autonómico estableza este fondo que, nestes momentos, xa teñen comunidades como Andalucía. “Queremos que os investimentos e a capacidade de financiamento sexa suficiente e ben trazada. A política local é de cada concello de acordo coa súa cidadanía”, poñendo como exemplo o caso de Vigo, onde “elaboramos o modelo da coordinación total da cidade, isto produce que practicamente toda a cidade estea de acordo co noso desenvolvemento”.

O alcalde de Vigo trasladoulle aos seus homólogos na provincia de Pontevedra os acordos conseguidos co Goberno de España sobre temas de financiamento como a Lei de estabilidade orzamentaria e de sostibilidade financeira que dotará aos municipios dunha maior capacidade de facer gasto para atender á cidadanía e poder así levar adiante as políticas municipais. Co acordo técnico alcanzado entre a FEMP e o Ministerio de Facenda, pendente de ser ratificado nunha próxima reunión coa Ministra, “eliminaremos a rixidez do teito de gasto; somos una
administración que temos superávit desde hai dez anos, que cumprimos de forma xeralizada e pedimos que se nos apliquen criterios distintos a outras administracións porque somos unha
administración cumpridora”, sinalou o alcalde de Vigo, engadido que “estamos contribuíndo con 6.000 millóns de euros aproximadamente ao cumprimento das contas de España en Bruxelas”.

Caballero expúxolle aos rexedores algúns dos puntos deste acordo básico con Facenda: os desequilibrios financiados con remanentes de tesourería non precisarán un plan económico financeiro, o establecemento do criterio de exclusión de gastos excepcionais non computarán a efectos de regra de gasto e as achegas aos municipios en forma de patrocinios ou financiamentos de acordo con criterios de contabilidade nacional non computarán no teito de gasto. Amais, en virtude do acordo, establecerase un sistema que elimine o dobre cómputo de financiamentos e transferencias entre administracións públicas, que será excluída no teito de gasto da entidade transmisora, estableceranse gastos plurianuais nos investimentos financeiramente sostibles, ampliarase o rango de gastos nos que se pode empregar o superávit como o despoboamento, o medio ambiente ou o fomento do emprego e, no caso dos concellos de menos de 5.000 habitantes, non computará todo aquel gasto que destinen ao despoboamento.

No encontro celebrado esta tarde en Vigo estiveron presentes Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e David Regades, delegado de Zona Franca, xunto aos os alcaldes de
Vilaboa, Fornelos de Montes, Tui, Nigrán, A Cañiza, Vilagarcía de Arousa, Cuntis, O Grove, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Illa de Arousa, Meis, Redondela, Baiona, Forcarei, Gondomar, A
Guarda.