A alcaldesa de Mos defende os intereses dos seus veciños respecto do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro

Arévalo denuncia que Caballero queira establecer cidadáns de primeira e de segunda coa gratuidade do parking tan só para os vigueses cando o hospital é dos cidadáns de toda a Área
Por o 07/05/2017 | Sección: Galicia,Mos,Sanidad,Vigo
A alcaldesa de Mos defende os intereses dos seus veciños respecto do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ven de anunciar que en dúas semanas comezarán as obras de construción do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro que terán un prazo de execución duns seis meses. O rexedor local vigués, co despotismo ao que acostuma, informou tamén de que dito aparcadoiro será gratuíto única e exclusivamente para os veciños e veciñas de Vigo, cando o Cunqueiro é o hospital de referencia dos habitantes de todos os concellos da Área Metropolitana.

Ante semellante anuncio, a alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, declarou hoxe que “mentres Abel Caballero sexa alcalde de Vigo é imposible que exista unha Área Metropolitana sen concellos de primeira e segunda categoría” e pregúntase a rexedora local mosense “que Área é esta onde os cidadáns duns municipios pagamos polo aparcadoiro do hospital e outros non pagan, onde uns pagan un prezo polo transporte e outros pagamos outro?”.

Así mesmo Arévalo asegura que esta decisión que acaba de anunciar Caballero de que os vigueses non paguen polo parking do hospital e o resto sí, xa a auguraba ela fai meses e alégrase de que “o tempo pon a cada un no seu lugar e dá e quita razóns, e co tempo estamos a descubrir que as intencións do señor Abel Caballero eran as que presentíamos os alcaldes do Partido Popular, tanto eu coma outros compañeiros como os rexedores locais de Redondela e Baiona: un Área-chiringuito para beneficio propio e dende a que promover a súa campaña mediática de confrontación contra a Xunta de Galicia”.

“Este alcalde non quere a Área Metropolitana, busca o seu personalismo, porque se de verdade o que quere é unha Área Metropolitana non pode establecer diferentes categorías entre os municipios integrantes. Eu xa anunciaba que isto ía a ocurrir porque Caballero non cre na Área e trata con desigualdade aos cidadáns que a integran. Eu xa dicía que a Área Metropolitana non iría adiante sen a integración de Vigo no Transporte Metropolitano, e agora xa non é a alcaldesa de Mos a que o dí, senón que hai un Auto Xudicial que o corrobora”, insiste Nidia Arévalo.

E a alcaldesa mosense engade tamén que “Mos ten un Bus Urbano, pavillóns municipais, unha Piscina Municipal… etc., e cobrámoslle o mesmo a tódolos usuarios independentemente do concello no que estean empadroados. O señor Abel Caballero estase a rir de miles de cidadáns, por iso para min, como alcaldesa representante de parte deses miles de cidadáns, é imposible tentar constituír con el unha Área Metropolitana”. Insta Arévalo ao alcalde de Vigo a “que deixe de ver para os concellos do PP e para a Xunta de Galicia e que se fixe no mal que o está a facer neste asunto. Quixo boicotear a construción do hospital e agora elude poñer os servizos que é o que lle corresponde, como fai o Concello de Lugo, de Pontevedra, de Coruña, de Santiago, de Ferrol ou de calquera outra cidade”.

Ademais lémbralle ao alcalde de Vigo, que “aínda que anuncie a bombo e platillo como un gran logro a próxima construción dun aparcadoiro con tan só 400 prazas, aínda ten pendente a construción do aparcadoiro disuasorio na contorna do Hospital Álvaro Cunqueiro á beira do complexo sanitario de 2.824 prazas municipais (que se contemplaban nos sectores anexos ao centro), que se alonxa moito dos centos de prazas deste parking que nos anuncia agora”.

“As preto de 3.000 prazas de aparcadoiro comprometidas multiplican por seis as anunciadas polo rexedor olívico e enriba quere facernos aos habitantes de fóra de Vigo pagar por un servizo que nin se aproxima ao conveniado, mentres que os vigueses non pagan”, lamenta Arévalo.

Hai case dous anos que Caballero anunciou a construción deste aparcadoiro do que aínda non iniciou as obras e Nidia Arévalo refrenda as palabras do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Cháves, que califican de “falta de vontade de Caballero á hora de levar a cabo a actuación do aparcadoiro do Cunqueiro xa que ata o de agora, pese a se ter comprometido a isto, non dotou unha soa praza de aparcamento nas parcelas reservadas no planeamento urbanístico”.

A falta de xestión do alcalde acredítase co exemplo de que foi máis rápida a construción da maior infraestrutura sanitaria de Galicia que a do aparcadoiro que tiña que facer o Concello de Vigo e con que o hospital vigués é o único construído en Galicia no que os terreos non foron postos a disposición por parte do Concello soportando a Xunta a totalidade dos custos.