A alcaldesa de Mos insiste en que debe ser a Deputación quen financie o Certame de Rondallas

Insta a Caballero a que non terxiverse a realidade e destaca a falla de respecto do rexedor da cidade olívica polos rondalleiros e polos propios vigueses
Publicado por o día 29/12/2017 na sección de Galicia,Mos

A alcaldesa de Mos insiste en que debe ser a Deputación quen financie o Certame de Rondallas

Respecto ás declaracións do alcalde de Vigo, Abel Caballero, publicadas hoxe no Faro de Vigo sobre o tradicional Certame de Rondallas, a rexedora local mosense respostou esta mañá entre o asombro e a indignación ao ler literalmente as palabras de Caballero que afirma “que le den las gracias a la alcaldesa de Mos”, culpabilizando a Arévalo da non celebración do Certame.

Na súa resposta, a alcaldesa de Mos instou en primeiro lugar ao seu homólogo vigués a que se informe correctamente, xa que o municipio mosense conta con 4 rondallas ao igual que Vigo, e non 3 como el afirma.

En segundo lugar pídelle ao señor Caballero “que non se equivoque. Eu en ningún momento pedín que o Concello de Vigo pagase o Certame de Rondallas, senón que o que se solicitou foi que o asumise a Deputación de Pontevedra; pero como a presidenta provincial, dona Carmela Silva, negouse, el erixiuse no seu salvador político e asumiu unha responsabilidade neste tema que ninguén lle esixira para que ela non tivera que botarse atrás. El soíño meteuse nesto e a súa reacción agora resulta canto menos vergoñenta”.

Reacción que considera Arévalo “unha total e absoluta falla de respecto cara aos 1.500 músicos rondalleiros da provincia de Pontevedra e aos propios veciños e veciñas de Vigo, aos que vai a privar de máis da metade do espectáculo do tradicional Certame de Rondallas”. A alcaldesa de Mos insiste en que este certame por lóxica ten que ser organizado e financiado pola Deputación de Pontevedra e en que “non se pode xogar coas rondallas segundo os intereses políticos, eu as defendín e as defenderei sempre –a todas as rondallas tanto ás de Mos como ás de Vigo ou de calquera outro Concello da provincia- independentemente das circunstancias, ao contrario que o señor Abel Caballero, que primeiro, e ao seu antoxo, as meteu a todas nun certame organizado por Vigo para salvarlle a cara á presidenta da Deputación e agora deixa fóra á meirande parte delas para atacar aos Concellos gobernados polo PP e a min en particular”. A alcaldesa de Mos tamén considera “altamente sospeitosa a casualidade de que o municipio mosense fóra o único con goberno popular que participaba no certame e agora curiosamente se estea a dar esta situación”.

Neste sentido Nidia Arévalo declarouse fiel cómplice dos rondalleiros aos que lles tende a man para apoialos no que sexa necesario.

Por último Arévalo asegurou saber cal é o trasfondo da cuestión desta saída de tono de Caballero. Considera que “está traumatizado porque os alcaldes do Partido Popular lle plantamos cara para que non pisotease os intereses dos nosos veciños e veciñas na Área Metropolitana e lle impedimos saírse coa súa levando a cabo a súa habitual xestión política de ‘apisonadora’ pasando por riba do que e de quen faga falta”.

A alcaldesa de Mos destaca neste senso a “nula visión de Área Metropolitana que ten o rexedor da cidade olívica, adoitando a este respecto unha actitude paleta e un discurso caducado que lle impiden comprender que todos os concellos sumamos e que todos facemos o Gran Vigo”.