Alegacións de EQUO ao PMUS do Concello de Vigo

Publicado por o día 20/06/2014 na sección de EQUO,Política

Alegacións de EQUO ao PMUS do Concello de Vigo

Axuntamos as alegacións de EQUO Pontevedra ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Vigo que o noso covoceiro Néstor Vázquez presentou onte, 19 de xuño, no rexistro do Concello na praza do Rei. Consideramos o PMUS insuficiente e solicitamos unha aposta firme por medios de transporte máis sostibles.

Desde EQUO pensamos que o PMUS non engade nada novo ao actual deseño da mobilidade urbana viguesa. Non aporta solucións para facer de Vigo unha cidade máis transitable e menos contaminada, atmosférica e acusticamente. Pensamos que está incompleto e que non se trata con seriedade un tema tan importante, como están a facer case todas as cidades de Europa. Desde EQUO animamos a concellería de mobilidade a incluír as nosas achegas. Ofrecémonos para traballar en equipo xunto con asociacións cidadás para mellorar un plan claramente insuficiente.

Parece que Abel Caballero ten máis interese en recibir unha subvención de Europa que en apostar por un cambio real da mobilidade en Vigo cara a unha máis sostible e na que convivan en paz todo tipo de vehículos e peóns.

Non se inclúe a creación dunha rede de carrís bici, infraestrutura cada vez máis demandada pola cidadanía. Esta rede faría que o uso da bicicleta medrase con toda seguridade. Moita xente optaría pola bicicleta como medio de transporte se existiran carrís bici que aumenten a seguridade dos ciclistas. Actualmente vemos como os usuarios da bicicleta en moitas cidades aumentan exponencialmente cada ano e como cada vez son máis os colectivos que apostan por este medio. A golpe de pedal, Masa crítica e Carril bici Vigo son claros exemplos destes colectivos na cidade olívica.

En EQUO queremos unha cidade máis amable coas persoas con mobilidade reducida, un fomento dos medios de transporte colectivos, unha unión de zonas residencias como o barrio de Navia mediante paseos peonís e carrís bici co paseo do Lagares e Samil e a conversión do antigo trazado do tren entre Chapela e Vigo centro, actualmente abandonado, nunha verdadeira senda verde para os peóns e ciclistas en exclusiva. Crearíase unha auténtica arteria verde entre Redondela, Chapela, Teis, Travesía de Vigo ata o mesmo centro da cidade. Incluso anexionando os espazos verdes residuais que deixou o antigo trazado ferroviario para crear un espazo natural máis extenso.

EQUO felicita o concello por incluír no plan de mobilidade sostible a implantación dun servizo de alugueiro de bicicletas, pero lémbralle que o éxito deste servizo depende directamente do número de aboados fidelizados para que este sexa viable economicamente. Iso depende directamente da necesaria construción dunha rede de carrís bici na cidade.

Apoiándonos no informe do Valedor do cidadán do 2006, vemos como unha das intervencións máis necesarias a unión da Praza da Estrela coa praia de Samil sendo un percorrido totalmente plano. Este sería facilmente prolongable cara a Teis e teríamos unha arteria que comunicaría Vigo lonxitudinalmente en bicicleta dun xeito seguro.

PRENSA EQUO