Alejos e Cronau renovan tamén cun Iberconsa que mantén a súa esencia

Por o 19/08/2019 | Sección: Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo
Alejos e Cronau renovan tamén cun Iberconsa que mantén a súa esencia
Compartir en:
O Iberconsa Amfiv xa ten listos os cimentos para a tempada 2019-20. O primeiro paso foi a renovación do corpo técnico, peza básica nos bos resultados cultivados as últimas tempadas. Tras asegurar a continuidade de César Iglesias e Pablo Alonso, que estarán acompañados polo ex xogador Santi Comesaña, xa plenamente integrado no grupo de adestradores, o seguinte obxectivo era asegurar o bloque das últimas campañas. As renovacións de Lorenzo Envó e Julio Vilas supoñían un avance nesta intención pero a perda do mexicano Salvador Zavala, que a próxima tempada militará no Servigest Burgos da Primeira División, supoñía un importante contratempo. Por iso, a continuidade do vigués Agustín Alejos e a súa muller, a australiana Shelley Cronau, convertíase nunha auténtica prioridade e intensificáronse as xestións para asegurala.
 
Ademais, o gran rendemento de Alejos e Cronau desde o seu regreso a Vigo provocou que tivesen de novo sobre a mesa multitude de ofertas moi interesantes. O incansable esforzo da australiana, a súa intelixencia na pista e a capacidade para traballar para o resto dos seus compañeiros así como a facilidade para manexar a cadeira e anotar tanto dentro como fóra da zona do único deportista vigués cunha medalla nuns Xogos convertíanos en pezas moi pero que moi cotizadas. Todo apuntaba que o maior potencial económico do resto de equipos da División de Honra ía provocar que o idilio entre o Iberconsa Amfiv e a parella Alejos- Cronau chegase ao seu fin pero, unha vez máis, pesou máis o factor emocional que o económico e ambos continuarán en Vigo polo menos unha campaña máis.
 
“Para nós Lorenzo Envó, Julio Vilas, Agustín Alejos e Shelley Cronau son as pezas estratéxicas do noso proxecto, a esencia do Iberconsa Amfiv, a imaxe do club e o espello no que se miran os mozos e mozas das nosas escolas. Os catro son xogadores da casa porque Shelley é xa sen dúbida parte tamén da nosa familia e estamos moi felices de que elixisen estar aquí aínda que economicamente a nosa oferta non fóra tan boa como outras”, resalta José Antonio Beiro, quen incide en que “aquí saben que son queridos e respectados. Todo o mundo na cidade coñéceos e eles tamén saben perfectamente o que o técnico quere e espera deles e que César Iglesias é capaz de conseguir que ofrezan a mellor versión de si mesmos”.
 
As negociacións aceleráronse tamén pola proximidade do Campionato de Europa, que se celebrará en Polonia do 30 de agosto ao 8 de setembro, e no que, a pesar de que aínda non hai lista definitiva da selección española, Agustín Alejos debería ter praza fixa para tentar conseguir o billete aos Xogos de Tokio 2020. De feito, o vigués leva todo o verán alternando a súa presenza na cidade coas concentracións do combinado nacional mentres Cronau tamén aproveitou as vacacións estivais para regresar a Australia e adestrar coa súa selección, coa que buscará igualmente o pase aos Xogos no Campionato de Asia Oceania do 27 de novembro ao 8 de decembro.
 
“Queriamos deixar todo pechado canto antes para que Agustín puidese centrarse tranquilamente no Europeo e non tivese que estar a pensar noutras cousas. Afortunadamente, puido ser así e agora só nos queda animar a España para que poidan conseguir o mellor resultado posible en Polonia e consigan a súa clasificación para tentar defender en Tokio a medalla de Prata lograda catro anos antes en Río”, finaliza José Antonio Beiro, quen quere “agradecer unha vez máis o esforzo que tanto Alejos como Cronau, Envó, Vilas e os membros do corpo técnico realizan para seguir aquí e que o proxecto poida continuar adiante. Poderían irse en busca de máis minutos, diñeiro ou títulos a outros equipos en multitude de ocasións durante as últimas tempadas pero todos eles decidiron sacrificar esas cousas porque para eles o Iberconsa Amfiv tamén é a súa casa”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.