Alemaña, Portugal, Reino Unido e Chile solicitan información sobre o Efecto PO2

Nestas semanas continuaron chegando peticións de información e de encontros on-line para coñecer a transformación da cidade.
Publicado por o día 17/01/2021 na sección de Galicia,Pontevedra

Alemaña, Portugal, Reino Unido e Chile solicitan información sobre o Efecto PO2

O Efecto PO2 continúa a ser reclamo, obxecto de estudo e investigación en todo o mundo como o demostran as últimas peticións de información, entrevistas, encontros on-line chegados ao Concello de Pontevedra para coñecer o estilo de vida da cidade. A Concellaría de Promoción da Cidade, que dirixe a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, acaba de xestionar un encontro co Colexio de Arquitectos de Catalunya no que participou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e na súa axenda tamén están previstas colaboracións con Portugal, Reino Unido, Chile ou Alemaña.

Esta semana o alcalde mantivo unha entrevista on-line co Colexio de Arquitectos de Cataluña que está a dar a coñecer “importantes proxectos de renovación urbana” a través das súas redes sociais. Pontevedra foi unha das cidades escollidas para coñecer os retos co que se atopou á hora de pór en marcha esta transformación.

Os arquitectos cataláns preguntaron sobre como era a Pontevedra antes do cambio, que decisións se adoptaron para evitar o acceso dos vehículos a motor, que é o metrominuto ou cal foi o papel dos veciños e veciñas, entre outras.

Esta entrevista publicarase nos vindeiros días nas redes do Colexio de Arquitectos de Catalunya.

Alemaña 

Unha das colaboracións máis importantes recibidas nestes últimos anos é a que solicitou a Axencia Federal de Medio Ambiente de Alemaña e o Instituto de Investigación do Transporte do Centro Aeroespacial alemán.

Estes dous organismos están a realizar, nestes momentos, un proxecto sobre as mellores prácticas de redeseño e redistribución do espazo público en favor das formas activas para a mobilidade e as cidades para as persoas. É un proxecto no que recollen experiencias tanto alemás como do resto do mundo.

Neste proxecto “gustaríanos preparar a peonalización de Pontevedra como un exemplo de éxito e presentalo nunha ficha e nunha publicación”, para desenvolver pautas para as cidades e municipios co fin de que sirvan de inspiración e apoio para redeseñar os seus espazos públicos a favor dos modos activos e os espazos habitables.

O Concello de Pontevedra xa se puxo en contacto cos organizadores e comezou a enviarlles toda a información que precisen para a publicación.

Reino Unido

O convite chegado do Reino Unido para o vindeiro 18 de marzo é do National Walking Summit 2021 organizado por Living Streets, unha entidade benéfica con sede en Londres, que defende o camiñar.

Esta organización reúnese unha vez ao ano con responsables políticos, activistas, veciños e veciñas para debater sobre a construción das cidades de tal xeito que sexan mellores para camiñar.

Na edición deste ano abordarase como os líderes das cidades responderon ante a pandemia, como camiñar pode formar parte do cambio climático ou como poden contribuír os veciños e veciñas das cidades á redución do tráfico.

Portugal

O convite máis recente que acaba de recibir a Alcaldía de Pontevedra é do International Play Association-Portugal que o vindeiro mes de maio (28, 29 e 30) organizará unhas xornadas sobre o xogo infantil, en colaboración coa Facultade de Motricidade Humana da Universidade de Lisboa e o Concello de Cascais. O título das xornadas, motivadas pola Covid, será “Xogar coa incerteza e cos desafíos”.

Os organizadores buscan de Pontevedra amosar como se pode facer unha cidade na que os nenos e os adultos poidan camiñar, xogar e ter acceso ao lecer nunha contorna segura, e no que os coches non dominen o espazo público.

No propio convite asegúrase que “Pontevedra é un exemplo en canto a urbanismo e mobilidade amigábel, que ten en conta as necesidades de dereitos da infancia, como o dereito ao xogo rexistrado no artigo 31 da Convención dos Dereitos do neno”.

Chile

Tamén contactou coa Alcaldía de Pontevedra a entidade internacional EY, para que Pontevedra participe nunha xornada de boas prácticas en sustentabilidade, da man do departamento que a entidade ten en Chile. Trataríase de formar parte dun Benchmark internacional de iniciativas ambientais desenvolvidas polos gobernos locais, co propósito de compartir as experiencias e mellorar as prácticas ambientais dos concellos de Chile que participan no Sistema de Certificación Ambiental Municipal (SCAM) do Ministerio de Medio Ambiente de Chile.